Nunha entrevista realizada por este medio o pasado mes de maio, contábanos que este poemario que agora se reflicte nun libro trataba de rescatar a través do discurso poético vivencias, sensacións e sentimentos. Segue vostede a traballar no que anunciou que será unha triloxía?
Si!. Na actualidade estou metido de cheo coa segunda parte e, aínda que dispoño de moito texto que no seu momento desbotei da primeira parte e que decidín incluílo na segunda ou na terceira, sigo creando texto novo e ao mesmo tempo reescribindo, correxindo, e reaxeitando o que xa tiña.
Nunha época de crise económica tan forte coma esta, cre que están en crise tamén a creación artística en xeral ou todo o contrario?
Non me parece que exista unha crise na creación artística e, non só iso, senón que teño a impresión de que se segue a crear máis que nunca, en todas as disciplinas e en planos completamente distintos. Quero dicir que a creación artística está moi diversificada e as novas tecnoloxías ofrecen un gran abano de posibilidades, tanto á hora de crear como á hora de amosar a creación. Do que si creo que adoece hoxe en día a arte é dun maior compromiso -e non me refiro a un compromiso social, político, ou ideolóxico (que tamén)- senón que falo dun compromiso coa propia obra. Ás veces teño a impresión que todo resulta demasiado correcto, previsible, clónico, e aparecen moi poucas obras nas que verdadeiramente se aprecie a pulsión da autenticidade.
O seu libro ven de ser publicado grazas ao Premio Fiz Vergara. Que función cumpren este tipo de certames no mundo en que vivimos?
Tal e como está as cousas no ámbito editorial os premios son unha forma de conseguir que unha obra vexa a luz. Ademais, cando unha obra vai respaldada por un premio de certa categoría, sempre consegue máis repercusión tanto nos medios de comunicación como nos lectores. Aínda así, coido que en Galicia houbo demasiadas convocatorias de premios e, tamén, demasiados libros premiados que realmente non aportaron nada novidoso. Se cadra está crise serve un pouco de criba e, se cadra, é necesario que así sexa.
Como escritor, como ve o futuro das industrias culturais?
Para que a cultura teña viabilidade dende un punto de vista comercial terá que transformarse en “ocio”, proceso que en moitos casos xa se produciu; polo tanto e, tendo en conta que a sociedade occidental é unha grande consumidora de “ocio” coido que o futuro amosa certas tendencias ao optimismo.
Que podemos atopar na lectura de ‘Fornelos&Fornelos’? Pode ser unha lectura que convide ao ‘escapismo’ e á volta ás orixes evocadora doutros tempos?
“Fornelos & Fornelos, primeira fundación” é unha necesidade de recuperar espazos perdidos, sensacións, vivencias e é, tamén,unha aposta pola palabra como xeito -tan inxenuo como utópico, naturalmente- de contrarrestar o paso do tempo e así salvar aquilo que de verdade nos xustifica e nos concede unha razón de ser, unha esencia. Nese sentido apunta máis cara a unha poesía existencialista, que escaravella no máis cerne do ser e de todo aquilo que rodea ou rodeou ao propio ser, e desmárcase de calquera xeito de escapismo ou compracencia.