Orzamento provincial 2012: novas tecnoloxías, medioambiente, servizos sociais e gandeiría

93.901.797,34 euros destinados a frear a caída demográfica da provincia a través da creación de emprego son a cifra e o obxectivo principal do orzamento da Deputación de Lugo para o ano 2012. Esta cantidade supón un incremento de 1,7 millóns con respecto a 2011.

“O ORZAMENTO DA DEMOGRAFÍA E O EMPREGO”

Este orzamento está listo para entrar en vigor o 1 de xaneiro e será o do mandato “da demografía e o emprego” como o foi o anterior, segundo puntualizou o Presidente do goberno provincial, José Ramón Gómez Besteiro, que tamén o calificou como “o orzamento de saldar débedas históricas”. O aumento en 1,7 millóns produciríase, como xa indicara Besteiro na presentación dos orzamentos no Parlamento galego, pola xestión dos programas comunitarios levados a cabo, o que supón agora a súa revalidación.

Antonio Veiga, José Ramón Gómez Besteiro e Pilar García Porto na rolda de prensa da presentación dos Orzamentos. DP

CONSECUCIÓN DE FONDOS EUROPEOS

Na década 2000-2010 soamente gañaron poboación os concellos de Lugo, Burela, Ribadeo, Viveiro, Outeiro de Rei, Sarria, Foz e Rábade; os demais municipios, os 59 restantes, perdérona. “A mellor forma de cooperar cos Concellos, que é a nosa razón de ser, é loitar contra esa sangría demográfica que padecen, e un dos camiños para fixar poboación e crear emprego é conseguindo fondos europeos, despois de demostrar que somos dos mellores de España na súa xestión. Na última convocatoria conseguimos proxectos por valor de 25 millóns, o 70% financiado pola Unión Europea”, puntualizou o xefe do goberno provincial para dar conta destes orzamentos. O Orzamento Xeral ou consolidado abarca o da propia Deputación, que ascende a 90.486.048,93 euros; e os correspondentes ó Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico (INLUDES), de 8.128.622,60 euros, e á Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA), que contará con 6.184.748,41 euros, aparte dos que manexará para a construcción de residencias. As contas do INLUDES e SUPLUSA xa foran aprobadas en días anteriores nos correspondentes consellos reitores.

NOVAS TECNOLOXÍAS, MEDIO AMBIENTE E EMPREGO DENDE EUROPA

A partida correspondente ós proxectos comunitarios ascende a 14.460.626 euros, que se investirán en tres liñas de actuación imprescindibles para o rural, co obxectivo de fixar poboación, e que son, como xa se adiantara hai uns días, as novas tecnoloxías, os proxectos de economía mediodioambiental e a creación de emprego. Isto levarase a cabo a través do programas Innova-TE 2, o Lug02 e o Pacto Provincial polo Emprego.

BAIXAN OS GASTOS DE PERSOAL

O Orzamento consolidado de 2012 está equilibrado e segue mantendo o cumprimento do principio de estabilidade orzamentaria, despois de ser a primeira Deputación galega que aprobou hai 3 anos un plan económico-financeiro para acadar este fin xa no ano 2011. A sustentabilidade económica da Deputación segue garantíndose. Recórtase o gasto corrente nun 12,31% e baixa a débeda financeira da Deputación, pois amortízanse 4,6 millóns de euros e a nova operación de crédito é de 4,5 millóns. Ademais, amortizáronse 10 millóns de euros en 2011.

CONXELACIÓN DOS SOLDOS DO EQUIPO DE GOBERNO

O Orzamento consolidado da Deputación para o 2012 contempla unha reducción moi significativa, de 1.149.485 euros (un 4,38% menos), nos gastos de persoal debido á reestruturación do cadro de persoal; ao recorte en retribucións varias en 125.000 euros; e á redución nun 20% dos asesores con respecto ó mandato anterior. Ademais os soldos do equipo de Goberno seguirán conxelados, unha decisión adoptada no 2010 antes da entrada en vigor do Real Decreto de Redución do Déficit Público.

DEMANDA Á XUNTA PARA COLABORACIÓN NOS PROXECTOS

“A Deputación de Lugo non vai asumir competencias que lle son impropias, esiximos a segunda descentralización do Estado, que as Comunidades Autónomas lles transfiran fondos ós gobernos locais”. Este alegato e demanda formulados por Gómez Besteiro van na liña doutras afirmacións como a de que “non podemos estar facendo dunha Xunta desaparecida na provincia, nin de Goberno Central, que teremos que avaliar como funciona”. Non obstante, a Deputación di que fará dúas excepcións en asuntos que non son directamente da súa competencia e que son a construcción do centro de recría de novillas na granxa Gayoso Castro, que xa está executando a primeira fase cun investimento de 6 millóns de euros. A outra das excepcións é a construcción dunha rede provincial de residencias da terceira idade, que se inclúe nos orzamentos de SUPLUSA para 2012 cunha partida de 15,3 millóns de euros para execución de 12 residencias e centros de día, cos que a Deputación estima que se crearán 500 prazas en concellos de todas as cores políticas. Tanto no caso das residencias coma no do centro de recría, o goberno provincial segue a reclamar que a Xunta atenda as súas demandas para tratar unha posible colaboración en ambos proxectos. No que se refire ás residencias, a Deputación pide que a Xunta concerte prazas, e indicou que parece haber algún Concello que non quere levar adiante a construcción do centro planificado.

Fondos para o parque de bombeiros de Monforte, que agarda a plena integración na rede provincial

O consorcio provincial de parques de bombeiros posto en marcha coa Xunta de Galicia absorverá o vindeiro ano 2.372.186,17 das arcas provinciais. Para Gómez Besteiro foi unha das apostas do anterior mandato, unha débeda histórica que se conseguiu desbloquear dende este organismo, tal e como se quixo recalcar en diversas ocasións.

DEMANDA DOS VECIÑOS DE O SAVIÑAO

Nesa achega inclúese a cantidade correspondente ao parque de Monforte de Lemos, que ten prevista a plena integración para este 2012, pero non lonxe de numerosas dificultades para coordinar a inclusión dos traballadores do parque e funcionarios do que ata agora é un parque de bombeiros de carácter municipal. Por outro lado, a necesidade deste servizo é imperiosa na comarca, onde veciños coma os do Saviñao veñen de reclamar aínda nos pasados días ao Concello que axilice os trámites ou solicitudes para beneficiarse dos servizos de emerxencia do parque de Monforte. Paralelamente, planean certas dúbidas manifestadas dende algúns ámbitos, sobre o feito de que a xestión dos parques comarcais se vaia realizar por parte dunha empresa privada.

APOSTA POLA PRODUCIÓN AUTÓCTONA

O Presuposto contempla así mesmo a última achega que a Deputación fai a Alibós Galicia, unha das maiores produtoras mundiais de castaña pelada e conxelada, no marco dun proxecto de colaboración asinado entre ambas entidades destinado á recuperación de soutos e á comercialización da castaña. A colaboración económica total da Deputación ascendía a 700.000 euros e a última achega, que se fará no 2012, é de 180.000 euros. Tamén se dá continuidade cunha partida de 650.000 euros ó plan URBAN, que a Deputación desenvolve conxuntamente co Concello de Lugo para a mellora e desenvolvemento sostible do casco histórico da capital.

AFORRO NA XESTIÓN DE ESTRADAS A TRAVÉS DOS TÉCNICOS PROVINCIAIS

Unha das partidas que destacou o Presidente provincial foi á de Estradas, pois neste apartado, “aproveitando ao máximo os recursos propios, logramos un aforro de 500.000 euros”, dixo. “Deste xeito, mentres que en 2011 tiñamos presupostado 600.000 euros para a redacción de proxectos de obra, en 2012 reducimos esa partida hasta os 100.000 euros encargándollelos proxectos aos técnicos da Deputación.

Antonio Veiga: Un orzamento para “o tecido cultural, deportivo e veciñal e que apuntala o Estado de Benestar”

“Fronte aos paus e os recortes brutais da Xunta”, o Orzamento da Deputación “apuntala o Estado de Benestar, axuda a crear emprego e impulsa o gran tecido cultural, deportivo e veciñal co que contamos na provincia, sen excepcións, e en pé de igualdade”. Con estas palabras o vicepresidente provincial, o nacionalista Antonio Veiga, definiu o carácter destes Presupostos. Engadiu ademais que “nesta situación de crise é o sector público o que ten que tirar da economía e fortalecer o Estado de Benestar”.

INCREMENTO DA PARTIDA DESTINADA Á AXUDA NO FOGAR

Nunha declaración de principios políticos, Veiga subliñou, por outro lado, o “esforzo” do organismo neste senso, poñendo como exemplo o incremento da partida destinada a Axuda no Fogar ata chegar aos 600.000 euros (100.000 máis ca no 2011), o que, dixo, “contrasta co recente anuncio da Xunta de aplicar un brutal recorte aos Concellos neste ámbito, que nalgúns casos chega ao 80%, e que pode supoñer reducción de postos de traballo”. Por outra banda, relacionou os servizos sociais coa creación de emprego.

CREAR UNHA EMPRESA PROVINCIAL DE TURISMO

O vicepresidente provincial mencionou tamén a constitución da Empresa Provincial de Turismo, pois nos Orzamentos 2012 contémplase a partida suficiente para poñer en marcha a devandita entidade, con capital maioritariamente público pero que ten a porta aberta á iniciativa privada. Esta Empresa Provincial de Turismo persegue tres obxectivos, que son por unha parte a desestacionalización da actividade turística e, por outra a diversificación e coordinación de esforzos entre a iniciativa pública e privada.

MANTÉÑENSE AS AXUDAS A ENTIDADES CULTURAIS E DEPORTIVAS

Antonio Veiga asegurou, por outra parte, que a Deputación de Lugo mantén a inversión nestas áreas en liñas de axuda de concorrencia competitiva, “en pé de igualdade”, contemplando no Orzamento 400.000 euros para asociacións e 500.000, para colectivos e clubes deportivos. Estas axudas, dixo Veiga, “son a garantía da pervivencia de centos de clubs deportivos en Lugo, do deporte que nos socializa e nos educa en hábitos saudábeis, pero tamén garanten que centos de asociacións culturais poidan desenvolver a súa actividade”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A comarca, contra a violencia de xénero

Seguinte Nova

A Rede Museística da provincia de Lugo, premiada pola ONCE polo seu traballo global de accesibilidade

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: