Pequenas obras enfocadas á mellora urbanística e ao turismo en Pantón

A faciana de Ferreira de Pantón está mudando lixeiramente nestas semanas coa posta en marcha ou continuación das últimas obras urbanísticas que se están a levar a cabo. Nestes días deu comezo o empedrado da rúa principal dende a Casa do Concello ata a estrada de Ourense. Esta actuación acometerase en dúas fases, por tramos, o primeiro deles ten que estar executado este ano. O finanzamento, procedente da Consellería de Economía e Industria, acada os 185.000 euros, segundo indicou o rexedor local, José Luis Álvarez. OBRAS NO CONTORNO DO MOSTEIRO CISTERCIENSE E outra das zonas que evoluciona nas súas obras de mellora é o contorno do convento das Bernardas. A xoia monumental de Pantón está a ser obxecto, dende hai varias semanas, dunha actuación integral de mellora. Esta segunda fase das obras consiste na dotación de beirarrúas e alumeado, e ten que rematarse neste ano. Posteriormente, unha terceira fase servirá para acometer o soterramento de todo o cableado eléctrico e doutros servizos, que afean un contorno que é un dos principais reclamos turísticos e culturais do municipio. As actuacións acometidas contan cun finanzamento duns 500.000 euros a cargo do departamento de Urbanismo, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

OUTRAS ACTUACIÓNS ENFOCADAS AO TURISMO

E o que tamén ven de ser rematado é o mirador dos Peares no municipio de Pantón. As obras foron acometidas grazas a unha partida duns 5000 euros da Consellaría de Cultura. Este mesmo departamento ten comprometida, segundo informou o rexedor local, outra partida para actuar na parte museística do Mosteiro das Bernardas. O conxunto destes traballos, tanto no referido ao aspecto urbanístico como ao seu aproveitamento turístico, foi valorado polo alcalde como un novo paso na mellora estética da vila.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Hotel Balneario, no programa ‘Saúde e Benestar no Camiño’ impulsado pola Deputación de Lugo

Seguinte Nova

O Foro Social do movemento 15M, xerme de actividade futura

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: