Brollón tamén celebra o Nadal despois de pechar unha ponte repelta de actividades coma o concurso de tapas ou o de cantos de taberna. En canto ao certame de tapas, o primeiro premio foi para o Mesón do Lor pola brocheta de tenreira galega con kiwi; a segunda tapa mellor valorada foi a da cantina de Julia, baseada en croquetas de xamón e cogomelos, e o terceiro premio foi para La Vieja Taberna pola súa tosta vexetal.
Pero para continuar co ocio e a diversión de nadal a OMIX ten en marcha o concurso de postais de Nadal, no que poden participar persoas ata 30 anos, os traballos poden entregarse ata o 22 de decembro. A mesma data límite que existe para entregar as poesías de Nadal en galego, certame no que poden participar rapaces de ata 16 anos. Os nenos tamén poderán desfrutar da ludoteca de nadal dende o 22 ao 5 de xaneiro dende as 10.30 horas deica as 13:30 horas. Nestas datas tamén se pechará o proxecto de intervención psicolóxica coas familias de dependentes que ten lugar nos locais sociais e rematará este 22 de decembro. Para pechar o ano, haberá un baile amenizado por unha actuación, ambientado con cotillón e a partir das 3.30 horas chocolate con pastas. Toda a noite haberá servizo de bar.
Outro dos días máis especiais en Brollón será o da Cabalgata de Reises organizada en colaboración coa igrexa parrouial, será o 5 de xaneiro a partir das 17.30 horas. Esa tarde actuará o coro da Escola de Música e haberá agasallos para os rapaces que tamén poderán desfrutar de xogos na Casa da Cultura e da entrega dos premios correspondentes aos distintos certames, ao remate tamén haberá chocolate con pastas.