Despois da reunión do CES decidiuse escoller como mellor alternativa para o trazado da alta velocidade ao seu paso por Monforte, baseándose nas posibilidades do estudo informativo, a opción exterior diante dunha posible ampliación do porto seco no futuro. Esta proposta trasmitirase ao Ministerio de Fomento na alegación conxunta que tamén incluirá a proposta do PSOE monfortino para solicitar o cambio do paso superior, para a supresión conxunta dos pasos a nivel de Rioseco e de Reigada, por un paso inferior. Para isto, remitirase un novo Plano de modificación tanto ao Ministerio de Fomento como ao equipo redactor do PXOM.
REUNIÓN INFORMATIVA DO PSOE COS VECIÑOS
Para explicar os pormenores desta alegación aos veciños das zonas afectadas polos pasos a nivel, o voceiro municipal do PSOE, José Tomé, levou a cabo unha reunión informativa. No plano proposto polo Partido Socialista recóllense as novas rúas dende o Morín ata a vía, as paralelas á vía do ferrocarril, os accesos de subida e baixada e as saídas mediante unha rotonda cara Rioseco e Reigada, respectivamente. Isto suporía, segundo informou José Tomé, a eliminación do impacto do paso superior contemplado no estudo informativo. Por outro lado, a proposta que se trasladará ordena os novos viais de comunicación a un lado e outro da via do tren para pór en valor unha ampla zona de terreo que agora non é edificable, pero que podería selo se é recollido no PXOM. Os socialistas monfortinos sosteñen que, deste xeito, se gaña un espazo para ampliar o entramado urbán nunha zona “necesitada de melloras urbanas”, como é o barrio da Estación.