O 2 de decembro abría as súas portas O Museo Xeolóxico de Quiroga. Ao sinxelo acto de apertura acudiron o alcalde do municipio, Julio Álvarez, membros da corporación local, o Xerente do GDR Ribeira Sacra, Martín Alemparte, así como membros das institucións académicas e técnicas que colaboraron na creación de este centro, tales coma o Instituto Universitario de Xeoloxía “Isidro Parga Pondal” da Universidade da Coruña, ao fronte do que están os doutores Juan Ramón Vidal Romaní e Aurora Grandal d’Anglade; o Departamento de Prehistoria da Universidade de Santiago de Compostela, coa participación do arquólogo Arturo de Lombera Hermida e Fátima Martínez Gómez; e a unidade do Instituto Xeolóxico e Mineiro de Santiago de Compostela, ao fronte do que está o quirogués Ángel Ferrero Arias.
CONTIDOS DIDÁCTICOS E CIENTÍFICOS
Esta instalación foi creada, segundo comentaron os seus impulsores, cun enfoque científico e didáctico, e pretende ser o punto de partida para a mellor comprensión e interpretación dos elementos que conforman o medio natural da comarca de Quiroga.
CINCO SALAS TEMÁTICAS
A esta finalidade responde a súa distribución en cinco salas temáticas adicadas, por unha parte, á formación do territorio de Galicia explicada a través de paneis descritivos ilustrados e de mostras de minerais e rochas. Outro dos apartados está centrado na historia paleontolóxica de Galicia, dende a evolución da vida dende os primeiros organismos ata a fauna fósil do periodo cuaternario. A seguinte sala, por orde de espazo, é a adicada á Idade dos Xeos -o Pleistoceno- e con exemplos locais como as pegadas de orixe glaciar na Serra do Courel. Noutro espazo, os visitantes poderán achegarse ás primeiras ocupacións humanas da zona e ao uso da pedra polos primeiros poboadores.Finalmente, tamén ocupa o seu lugar a minería, tan importante nesta zona quiroguesa, con importantes explotacións auríferas na antigüidade, e explotación doutros minerais dende tempos remotos deica os nosos días.
INTERESE DO CONCELLO POLA “CONSERVACIÓN E DIVULGACIÓN DO SEU PATRIMONIO CULTURAL”
O Museo Xeolóxico, igual que outras moitas iniciativas que se veñen desenvolvendo no Concello de Quiroga, como a posta en valor do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós, ou a creación do Museo Etnográfico Municipal, responden, segundo indicaron dende o departamento de Turismo ao interese do Concello pola conservación, divulgación e investigación do seu patrimonio cultural, que neste momento é un dos motores para dinamizar este zona no ámbito turístico e económico. O orzamento destinado á posta en marcha desta instalación ascendeu a 150.000 euros, destes, 28.000 aportounos o Grupo de Desenvolvemento Rural 8- Ribeira Sacra, e os restantes 122.000 o Concello de Quiroga.
XORNADAS ESPECIAIS EN NADAL E VISITAS GUIADAS PREVIA CITA
Tanto o novo museo xeolóxico coma o museo etnográfico emprazado na Casa da Cultura, desenvolverán xornadas de divulgación o martes 27 e o mércores 28 por esta orde, con visiras guiadas a ambos centros ás 12:00 horas. Ademáis, nestas datas vacacionais os museos estarán abertos todos os días. Os sábados domingos e festivos e os días 24 e 31 de decembro o horario será de 11.00 a 12.00 horas no museo xeolóxico e de 12:00 a 13.00 horas no museo etnográfico. De luns a venres o Museo Xeolóxico abrirá as súas portas de 11: 30 a 13:00 horas e o adicado á etnografía local faráo dende as 13:00 ás 14.00 horas. Para outros horarios e datas ou visitas guiadas para grupos, os interesados poden poñerse en contacto para acordar previa cita no número de teléfono 982435125 ou acudir á Casa de Cultura de Quiroga.
O PREGAMENTO DE CAMPODOLA-LEIXAZÓS, MONUMENTO NATURAL POLO SEU VALOR CIENTÍFICO-EDUCATIVO
O pasado 15 de decembro, o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se somete a información e audiencia aos interesados o proxecto de decreto polo que se declara monumento natural o “Pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós”, no municipio de Quiroga. O departamento autonómico considera que este entorno necesita “unha protección que asegure a súa conservación compatible co uso público e goce da natureza deste espazo”. Segundo explicaron os responsables de Medio Rural, este espazo consiste nun pregamento xeolóxico de tipo deitado, no que se pode observar a ondulación dos estratos superiores da codia terrestre, provocada pola forzas tectónicas ao longo de 500 millóns de anos. A súa singularidade estriba en que se pode apreciar este proceso grazas ao encaixamento do río Ferreiriño, deixando ao descuberto a estrutura interna do sinclinal nun gran corte transversal, o que o converte nun dos puntos da xeoloxía estrutural máis importantes de España e, polo tanto, lle confire un gran valor científico-educativo.