O pasado día 15 arrancaba en Sarria a Campaña de Nadal para o comercio. Dende a asociación de comerciantes e empresarios ACES-CCU impulsan novamente esta iniciativa en prol do fomento do consumo local, especialmente castigado nos últimos tempos pola crise económica e a fuga dos consumidores aos grandes centros comerciais. Os comerciantes asociados sorteará 15 vales de compra, cinco por valor de 100 euros en cada caso, e dez con valor unitario de 50 euros. Estes vales serán canxeados mediante a compra de produtos nos establecementos participantes. En total sortéanse 1.000 euros a través desta campaña. A campaña rematará coas festas de Nadal, o 6 de xaneiro. O sorteo realizarase o 11 de xaneiro ás 12:00 horas na sede de ACES. Os 15 premiados serán citados nunha data posterior para pasar a recoller os seus vales, que terán que ser canxeados por compras, tendo como data límite o 31 de xaneiro.
PREMIO ÁS COMPRAS DE OUTONO INVERNO
E pouco antes de escomezar coa de Nadal, o comercio asociado daba por cumprida outra iniciativa de fomento das compras no municipio. Facíao co sorteo dos sete voos para dúas persoas con destino a España e Europa que tamén foi levado a cabo recentemente, premiando aos comerciantes e consumidores locais na campaña Outono- Inverno. Durante o periodo no que estivo en vigor a campaña, os establecementos asociados entregaron boletos aos seus clientes, resultando agraciados sete veciños.
RELACIÓN DE PREMIADOS
Jonathan Castro foi premiado a través de Construcciones Fidalgo de Samos; Purificación López por Electrodomésticos A Casa; Pilar Vázquez por Foto Julio; Rosa Valcárcel por Xoiería Díaz; Teresa Rodríguez por Calzados Veiga, Teresa López por Senayo; e Marisa Arias por Boutique Enma.
Mercar na praza terá recompensa para clientes e algúns praceiros
Mercar en calquera dos 102 mercados municipais de Galicia, tamén en Sarria, terá premio deica o 23 de decembro e tamén do 9 ao 20 de xaneiro grazas a unha campaña posta en marcha este ano pola Xunta. A atención personalizada, o servizo de calidade e a garantía son algunhas das vantaxes que dende as prazas galegas se queren fomentar para incrementar o consumo nestes lugares, fundamentalmente dedicados á alimentación fresca e, en moitos casos, procedente do cultivo local. Segundo manifestan dende a Xunta, “conscientes do imprescindible papel que levan a cabo os praceiros”, queren poñer en relevo a súa profesionalidade cunha iniciativa destinada a elixir aos praceiros mellor valorados pola clientela a través de cupóns que tamén levarán a un sorteo que terá tres gañadores en cada praza. Tanto o 23 de decembro coma o 20 de xaneiro, nas dúas quendas desta campaña serán os sorteos. Os premios consisten en vales de compra nos postos das prazas municipais.