Pantón acolleu a entrega de premios da XIX edición do Certame Internacional de Viños de Montaña de Aosta

O Balneario de Augas Santas de Pantón foi o escenario da entrega, o pasado día 16 de decembro, dos premios para Ribeira Sacra da décimo novena edición do Certame Internacional de Viños de Montaña de Aosta (CERVIM). Coincidía esta entrega co xantar de confraternidade de Nadal, o que o presidente do Consello Regulador, José Manuel Rodríguez, calificaba como un encontro “de xente que traballa polo territorio”.

INCREMENTO DAS VENDAS CON RESPECTO A 2010

Rodríguez lembrou que, a pesar de vivir unha época de crise, nos dez primeiros meses deste ano incrementáronse as vendas un 3% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Por outra parte, no seu discurso o presidente da denominación Ribeira Sacra apuntou que esta campaña fora histórica para este selo vitivinícola en canto á cantidade, ao que se sumaba unha excelente calidade. Por outra banda, na súa intervención, José Manuel Rodríguez fixo referencia ao novo decreto vitivinícola de Galicia, impulsado nos pasados días pola Consellaría do Medio Rural, e asegurou que “pón en valor a Ribeira Sacra, entendéndoo como o que é, unha mestura de viño e de territorio”. Neste xantar participaron arredor dunhas 150 persoas entre integrantes do Consello e autoridades invitadas.

RELACIÓN DE PREMIADOS NO CERTAME DE AOSTA

O Certame Internacional de Viños de Montaña de Aosta deixou recoñecementos para varias adegas da zona. Así, recibiron medallas de ouro – por ter entre 89,1 e 94 puntos- o Abadía da Cova 2010 de Adegas Moure (branco) e o caldo Casa Noguedo 2010 de Ramón Marcos Fernández (tinto). Asimesmo, nos últimos anos recibían medalla de prata os viños puntuados entre 84 e 89 puntos, pero este ano, debido á gran calidade e cantidade de viños presentados limitáronse as medallas de prata aos viños valorados entre 87 e 89 puntos. Neste contexto, recibiron medalla de prata o Almalarga 2010 de Pena das Doas (branco), precisamente do municipio de Pantón; o Viña Garoña 2010 de Adegas Viña Garoña (branco); e o Viña Vella 2010 da S.A.T. Virxen dos Remedios (branco). Tamén recibiron este premio de prata Alodio 2010 de Adegas Costoya S.L. (tinto) e Moure de autor 2009, mencía barrica novamente de Adegas Moure (tinto); Javier Fernández 2010 de Javier Fernández (tinto); Dominio de San Xiao 2010 de Manuel Fernández Rodríguez (tinto); e Adega Barbado 2008 de Tomás Rodríguez González (tinto).

PREMIOS ESPECIAIS DO CENTRO DE ESTUDOS E VALORIZACIÓN DA VITICULTURA DE MONTAÑA

Pero a Denominación de Orixe Ribeira Sacra repertía este ano un Premio Especial Cervim -centro de estudos e valorización da viticultura de montaña-, que foi para Regina Viarum S.L. , adega que xa o recibira en anos anteriores. E outra adega que percibiu un premio especial este ano en Aosta foi a de Tomás Rodríguez González, e concretamente para o mencía Adega Barbado, que obtivo o Premio Excelencia Cervim 2011.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os Reis recibirán persoalmente a cada neno en Ferreira

Seguinte Nova

A Xunta aproba o novo decreto que rexirá a actividade vitivinícola

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: