A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), vén de declarar unha área de rehabilitación integral (ARI) no municipio de Sober, que comprende todo o termo municipal, é dicir, tamén as construccións emprazadas nas parroquias do rural. Así o manifestou o conselleiro Agustín Hernández, que visitou a área, acompañado pola delegada territorial de Lugo, Raquel Arias, e o alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, o primeiro de decembro.
2.328 VIVENDAS PODEN ACOLLERSE A ESTAS AXUDAS
A área declarada comprende todo o concello, e poderá beneficiarse das axudas para ARI de carácter rural e de menos de 5.000 habitantes. O número de vivendas que poden acollerse á rehabilitación no ámbito desta área é de 2.328, preto do 90% dos inmobles deste municipio que ten unha poboación de 2.599 habitantes. A nova área de rehabilitación permitirá aos propietarios destas vivendas acceder a axudas, sempre e cando teñan unha antigüidade superior a dez anos, non superen os ingresos máximos estipulados e as destinen a domicilio habitual e permanente, polo menos durante cinco anos, trala finalización das obras de rehabilitación.
O CONCELLO PODE OBTER AXUDAS PARA URBANIZAR A ARI
Hernández lembrou que a axuda, en forma de subvención a fondo perdido, poderá acadar ata o 75% do orzamento protexido, cun máximo de 11.600 euros por vivenda. Ademais, son compatibles con calquera outra axuda concedida para o mesmo fin sempre que non superen os límites establecidos na convocatoria. O concello tamén poderá beneficiarse de subvencións para a urbanización desta zona. A Xunta de Galicia e o Goberno central aportarán ata 27 millóns de euros en forma de axudas. Este investimento terá un efecto positivo tamén na dinamización do sector da rehabilitación e do mercado de traballo, posto que provocará a mobilización de preto de 72 millóns de euros, segundo estiman dende o goberno galego.
450.000 EUROS NAS 25 PRIMEIRAS VIVENDAS A REHABILITAR
Dende o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) sinálase que, como comezo destas subvencións, para os próximos obxectivos que se fixarán co Ministerio de Fomento contémplase a actuación en 25 vivendas de Sober, que suporán axudas por importe de 450.000 euros. Este propósito de 25 inmobles transfórmase en 330 en toda a provincia de Lugo, do total de 2.500 rehabilitacións contempladas para toda a comunidade galega. Trátase dun total de 5 millóns de euros en subvencións para a rehabilitación na provincia dentro dos obxectivos 2011. O titular autonómico de Medio Ambiente explicou que “este proxecto mostra unha clara aposta pola rehabilitación en Sober, que tamén se percibe no resto da comunidade”. Concretamente, coa declaración da de Sober xa son 127 os concellos que contan cunha das 56 áreas de rehabilitación que existen en Galicia, é dicir, o 40% do total dos municipios.
OUTRAS ACTUACIÓNS DA CONSELLARÍA DE MEDIO AMBIENTE NO MUNICIPIO SOBERINO
Por outra parte, Hernández aproveitou a visita a Sober para recordar que a Xunta realizou investimentos en actuacións como a mellora da única estrada autonómica do concello, que une Monforte coa provincia de Ourense a través de Sober, e a construción de beirarrúas no núcleo de Doade. No que se refire a infraestruturas hidráulicas, o Goberno galego asumiu o financiamento do saneamento de Vilaescura e a mellora do abastecemento a Sober. En sintonía política co goberno local e a delegación da Xunta en Lugo, Hernández subliñou a “importancia da colaboración institucional e o entendemento entre administracións na xestión pública”.