•A Consellería de Traballo e Benestar investirá 191.000 euros na financiación desta rede de profesionais
• Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil e Sober, ademáis de Carballedo, Folgoso do Courel e Taboada, son os concellos que contarán cun axente de emprego e desenvolvemento local subvencionado pola Xunta de Galicia. Segundo informou a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, a Consellería de Traballo e Benestar investirá 190.971 euros na financiación desta rede de profesionais, organizada en función das solicitudes dos propios concellos, e que foron atendidas positivamente na súa totalidade. A subvención para a contratación deste axentes de emprego cubre como máximo o equivalente ao 80% dos custos salariais totais derivados do contrato que proxectan formalizar os concellos, ata un tope máximo de 22.705 euros.
FUNCIÓNS DOS AXENTES DE EMPREGO
Segundo explicou a delegada territorial da Xunta en Lugo, os axentes de emprego e desenvolvemento local son contratados por un período de 12 meses. Durante dito periodo, desenvolven tanto tarefas de estudo sobre o mercado laboral como de asesoramento puntual aos emprendedores, centrándose en todo momento nas características e posibilidades de empregabilidade da zona concreta que supón o seu ámbito de actuación. Os axentes de emprego realizan tamén labores de acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais concretos. Con esta finalidade, informan sobre a viabilidade técnica, económica e financeira; ofrecen asesoramento técnico durante as primeiras etapas de funcionamento, e solventan calquera dúbida que poida xurdir neses primeiros pasos da actividade empresarial.
IMPULSO DAS ZONAS MÁIS DESFAVORECIDAS
O principal obxectivo desta rede de profesionais, segundo apuntou Raquel Arias, está dirixido “á promoción económica local, ao impulso de proxectos empresariais e de iniciativas innovadoras para a xeración de emprego naquelas actividades económicas que ofrecen mellores perspectivas de futuro na localidade de referencia”, con especial atención ás zonas menos favorecidas en termos socioeconómicos, co fin de conseguir un maior equilibrio territorial. No concello de Monforte de Lemos, o axente de emprego ven de desenvolver a súa actividade dende decembro nas oficinas das Casiñas da Compañía, e pode contactarse nas propias oficinas, no teléfono 982 884 775 ou na dirección emprego_pe@concellodemonforte.com.