A Deputación terá que reducir as residencias para maiores xa proxectadas

•A Deputación de Lugo terá que volver a programar e reducir o número de residencias da terceira idade e centros de día que tiña proxectado construír en doce municipios da provincia, entre os que están tres da zona sur de Lugo. Segundo salientaron nos pasados días dende o goberno provincial, perigan seriamente as residencias presupostadas pola Deputación e para as que xa foran adquiridos os terreos, con aportacións con cargo ás entidades locais no Saviñao, Ribas do Sil e A Pobra do Brollón. O motivo desta paralización dos proxectos é a negativa, por parte da Xunta, a concertar prazas para estes centros de carácter público. Así o comunicaba o presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, despois da agardada reunión que mantivo coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, o pasado mes de decembro.

“PRIORÍZANSE AS ENTIDADES PRIVADAS E AS PROVINCIAS MÁIS DESENVOLVIDAS”

A conselleira argumentou que un estudo técnico co que conta a Xunta detectaría a necesidade de crear 4.000 prazas públicas en Galicia nos vindeiros 10 anos, sen embargo este prioriza ao eixo atlántico. A Conselleira considerou que “estas necesidades reais” non existen en Lugo porque, segundo os seus cálculos da Lei de Dependencia, “na provincia só teñen 68 solicitudes de prazas públicas pendentes de colocar coa Lei de Dependencia”. Fronte a isto, a Deputación expuxo os datos de numerosos estudos que ratificarían a necesidade de crear prazas na envellecida provincia luguesa coma o Manual de Traballo, Información e Asesoramento en Servizo Sociais -MATIASS- da propia Xunta. O Goberno galego ofrece na provincia 787 prazas concertadas das que, na súa gran maioría, concretamente 648, concéntranse en 8 residencias privadas e 103 en 6 centros de iniciativa social (fundacións ou congregacións relixiosas). O titular provincial buscaba neste encontro que o Executivo galego concedese á Deputación “o mesmo trato que está a dar a entidades privadas na provincia”.

Gómez Besteiro e Beatriz Mato nun momento da súa reunión en Compostela. DP

OS DATOS DEMOGRÁFICOS SEGUEN A APUNTAR A LUGO

O MATTIAS mantén que a provincia lucense é a que menos centros de atención á terceira idade ten, con 49. Destes, 30 son públicos e 19 privados. Pola contra, Ourente conta con 97, A Coruña con 82 e Pontevedra con 67. As mesmas fontes constatan que Lugo é a provincia con menos prazas residenciais, con 3.507, fronte ás 6.060 da Coruña e as 4.682 de Ourense e 4.405 de Pontevedra. O Mapa Galego de Equipamentos Sociais apunta que Lugo presenta un déficit de 1.228 prazas residencias. Pola súa banda, o Plan Estratéxico da Deputación asegura que o 61% das prazas son privadas fronte ó 39% das públicas. Ademais, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, Lugo é, xunto a Ourense, a provincia máis avellentada de Galicia, xa que o 33,7% da súa poboación ten máis de 60 anos, o que supón 6 puntos por riba da media galega.

A CUESTIÓN DO EMPREGO

Por outra banda, se miramos o padrón municipal, as provincias de Lugo e Ourense, ademais do envellecemento, acusan o problema da caída demográfica, fronte ás provincias costeiras, que seguen a medrar. Lugo sufriu un descenso no padrón no ano 2010 dun 0,6%, con 1.974 empadroamentos menos, unha tendencia similar a Ourense, feito que segue alonxando a estes territorios do pleno desenvolvemento, contando Lugo cun total de 351.530 cos datos do padrón de inicios de 2011. A loita contra o despoboamento pasa pola mellora das condicións de vida nos territorios máis desfavorecidos, con medidas tendentes á xeración de emprego, tal e como pretende, segundo salientan dende a Deputación, o proxecto das 12 residencias públicas que xa contaban cunha parte reservada no orzmento aprobado para 2012. A Deputación, malia non ter competencias directas en materia de benestar social ó corresponder estas ó Goberno galego, recoñece terse visto na obriga de colaborar cos Concellos “ante a pasividade da Xunta na provincia, asumindo a construción destes novos centros para maiores na provincia coas que reduciría o déficit existente na materia e se crearían novos postos de traballo”. Con eles crearíanse, segundo os cálculos da Deputación, 500 novas prazas en residencias e centros de día, así como 400 novos empregos directos e indirectos -coidadores sociais, ATS, enfermeiros ou médicos (que por lei debe haber en cada residencia), persoal administrativo, cociñeiros e personal de limpeza, entre outros-.

Entre as infraestruturas públicas de atención aos maiores está o centro de día que funciona en Pantón. CDPantón

A REPERCUSIÓN NO SUR DE LUGO

Cada un dos complexos residenciais que a Deputación tiña en proxecto ata o momento contaría con 26 prazas residenciais e 15 para o centro de día integrado no complexo. Se o proxecto se desbota finalmente pola falta da concesión de prazas públicas, o sur de Lugo perdería desta maneira un total de 78 prazas residenciais para maiores, e 45 de centro de día que estaba previsto que se gañasen coa iniciativa provincial na que colaboraban diversos concellos de todas as cores políticas, no caso do sur de Lugo os de O Saviñao, Ribas do Sil e A Pobra do Brollón. No ámbito do emprego crearíanse un total de 90 postos de traballo directos e indirectos, 30 por cada concello, segundo as estimacións do organismo provincial.

UN CAMBIO NA FILOSOFÍA DE SUPLUSA PARA MELLORAR A ATENCIÓN SOCIAL NA PROVINCIA

Na creación da rede de residencias que agora se reprantexa, estaba previsto o investimento de 15 millóns de euros. Esta iniciativa púxose sobre a mesa grazas ao “xiro radical” que a Deputación lle deu o pasado ano ás políticas de actuación de SUPLUSA -que ata o momento só se adicaba a crear solo industrial- logo de detectar que había unha clara demanda destes servizos de atención ós maiores. O Pleno provincial aprobaba por unanimidade, é dicir, co apoio de PSOE, BNG e PP, a encomenda de xestión das residencias a dito organismo dependente da institución provincial, así como os Concellos onde se situarían. Ademáis dos tres pertencentes ao sur de Lugo, o proxecto que agora se bloquea e se pode desbotar, prevía a creación de residencias tamén en A Fonsagrada, Meira, Riotorto, Trabada, Guitiriz, Castroverde, Pol, Pedrafita do Cebreiro e Navia de Suarna. O conxunto destes municipios achegaron á Deputación os terreos necesarios aos servizos urbanísticos provinciais, ao tempo que se comprometeran a participar no finanzamento cunha achega de 200.000 euros en cada caso.

REACCIÓNS POLÍTICAS

Gómez Besteiro salientou que “estou profundamente disgustado. A rede de residencias é un proxecto de moita ilusión na provincia, no que hai total unidade e onde compartimos responsabilidades Deputación e Concellos. Hoxe é case imposible que algunha administración conte con 15 millóns de euros a plena disposición dun proxecto desta natureza”, apuntou. O mandatario provincial apuntou, por outra banda, que “nós imos seguir adiante con este proxecto”, e dixo que “todas as administracións temos problemas económicos, non só a Xunta”, pero lamentou que “esta negativa vainos condicionar a posta en marcha das 12 residencias que haberá que reprogramar e reducir”.

A NOVA FOLLA DE RUTA DA XUNTA DEIXA AS ZONAS PRÓXIMAS A MONFORTE E VALDEORRAS NO SEXTO POSTO DAS ZONAS PRIORITARIAS PARA A CONSTRUCCIÓN DE RESIDENCIAS

Besteiro dixo ter demandado dende hai dous anos a reunión para falar deste asunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pero a xuntanza non se produciu finalmente deica o pasado mércores 14 de decembro. Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar, foi a interlocutora por parte do Goberno galego no encontro celebrado en Santiago de Compostela. A titular autonómica de Benestar fixo alusión ao novo mapa de infraestruturas residenciais da Xunta, estudo realizado en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e o CIEF da Fundación Novacaixagalicia, definíndoo coma unha folla de ruta “obxectiva e rigorosa” que determina as áreas prioritarias onde é necesario construír unha infraestrutura residencial. Para definir as áreas onde é máis necesario actuar de cara a 2020, o estudo da USC estableceu un índice de prioridade onde se combinaban distintos criterios: a necesidade de prazas totais; a necesidade de prazas relativas en función dos demandantes existentes; e tívose en conta a dificultade de concertar prazas necesarias en cada área. Todo isto, combinado coa situación actual en cada unha destas zonas, apuntaron dende a Xunta. Deste xeito, Galicia quedou dividida en seis zonas que son as seguintes: a primeira área prioritaria estaría conformada polos concellos próximos a Santiago e Pontevedra; a segunda, polos de Verín e Barbanza; os de Vigo e A Coruña serían a terceira área; os de Lugo e Cee, a cuarta; os de Ourense, Ferrol, Salnés e Burela, a quinta; e, por último, a sexta zona serían os próximos a Monforte e Valdeorras.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

La Vuelta Ciclista a España volve a pasar por Sarria

Seguinte Nova

O alcalde de Monforte de Lemos, novo vicepresidente do Eixo Atlántico

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: