• Nunhas datas nas que a actividade cultural serve de alento a un día a día marcado pola crise, destacamos tres obras en distintos eidos, marcadas polo feiro común de contar con autores que son veciños das nosas terras.
‘La Duda Crónica’
• A monfortina Vanessa Blanco Fernández presentaba nos pasados días a súa primeira obra literaria na Galería Sargadelos. ‘La duda crónica: neurosis, viajes, amigos y otras señales” (editorial Inéditor) é o título do libro que recolle a narración dunha serie de vivencias reais e persoais da propia autora mesturadas coas claves da “viaxe do heroe” que todo o mundo afronta nalgún momento da súa vida. A protagonista é unha moza recentemente licenciada en xornalismo, e a historia escomeza cun encontro fortuito no aeroporto de Barajas entre ela e unha descoñecida, un momento que serviría para xestar este libro, definido como unha historia sobre a busca dos “sinais” que explican o sentido de cada existencia e que están no día a día, axudándonos a despexar a “duda crónica” no “mapa de indecisións que o ser humano debe ir sorteando ao longo dasúa existencia”. O manuscrito orixinal foi escrito en apenas un mes a un ritmo que está impregnado no propio estilo do libro, dunha gran sinxeleza que consegue transmitir. E tal e como foi debatido na propia presentación o pasado venres, pode calificarse como “unha alternativa á literatura de autoaxuda” que relata unha viaxe interior e que é testemuño e relato da liberación das “falsas expectativas e máscaras coas que ás veces se vive”.
‘Coa auga ao pescozo’
• Outra das aventuras lévanos ás terras encoradas pola presa da central hidroeléctrica de Belesar en forma de documental audiovisual. Catro mozos da comarca de Chantada viron unha oportunidade na histórica baixada do caudal do río Miño nas terras polas que descende encorado para relatar coma en ningún outro momento se podería facer, o drama dos pobos asolagados pola chegada do mundo moderno e eléctrico. Abideira, Porto, Castro Candaz, Santa Marta, Pincelo, A Samugueira, San Paio, Mourulle, Portomeñe, A Hermida, Ribó e moitos outros lugares quedaron nos pasados meses ao descuberto devolvendo ao pasado a moitos dos veciños que os habitaron hai máis de 50 anos e que contan vivencias inéditas neste documental coma a vida antes do encoro, a emigración “da ribeira á montaña” e múltiples anécdotas. A rodaxe ven de ser rematada recentemente e queda por diante montar horas e horas de gravación para sacar á luz o traballo durante este ano 2012. David Vázquez, Luis García, Humberto Novoa e Cristina López están a realizar este documental en colaboración coa Asociación Educativo-Cultural Airoá Comunicación e con TELEVINTE Chantada Comunicación S.L.
‘Et in Arcadia’: exposición e libro presentados na Universidade de Cambridge
•‘Et in Arcadia’ é o nome dunha exposición e dun libro no que ten moito que ver outro monfortino e que foron presentados o pasado martes 10 de xaneiro no Museum of Classical Archaeology da Universidade de Cambridge. Este monfortino é Ramón Casanova e o traballo presentado ten como protagonista ao friso do templo de Apolo Epikourios en Bassae, na rexión de Arcadia, no Peloponeso. Tal e como explican os seus estudosos, trátase dun dos exemplos máis suxerentes de relevos do século V antes de Cristo, que agora se preserva como gran parte desta herdanza no British Museum de Londres. O monfortino Ramón Casanova xunto con Jorge Egea, compañeiro de traballo do Departamento de Escultura da Universidade de Barcelona, presentan agora unha exposición baseada en imaxes, elementos interactivos e un libro recopilatorio dun arduo traballo de investigación sobre este elemento patrimonial.
O grupo de traballo denominado The Crossing Lab utilizou perspectivas propias da arte, usando técnicas básicas de debuxo e fotografía coa intención de profundizar e actualizar o concepto de “arte clásica” e revelar novas lecturas das obras dende o punto de vista contemporáneo, utilizando tamén métodos das primeiras expedicións arqueolóxicas do século XIX. Todo isto permite comprender e reinterpretar o friso, unha obra de importancia capital da arte clásica que aproveita os avances da técnica e a perspectiva de varios artistas contemporáneos. A parte fotográfica desenvolvida por Casanova céntrase nunha hipótese de estudo sustentada na pouco habitual orientación norte-sur do templo, que se podería pensar coma “unha gran cámara fotográfica donde Apolo (deus da luz) recollería a luz do levante e a proxecta na nave en tebras onde se sitúa o friso e as loitas entre os héroes gregos e as forzas irracionais que representan os centauros e as amazonas”, explica Casanova.
[…] https://encomun.es/?p=3846 […]