O alcalde de Monforte de Lemos, novo vicepresidente do Eixo Atlántico

• A Comisión Executiva do Eixo Atlántico elixiu ó alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez, novo vicepresidente da entidade transfronteiriza, un cargo que, como todos os da Comisión, ten carácter representativo e non está remunerado. É a primeira vez que unha cidade de tamaño medio e do interior de Galicia ostenta a vicepresidencia do Eixo Atlántico. A entidade agrupa 34 concellos galegos e do Norte de Portugal, entre os que se contan as catro capitais das provincias galegas, Vigo, Porto, Ferrol, Chaves, Braga e Santiago de Compostela.

Severino Rodríguez, á esquerda, xunto co alcalde de Viana do Castelo e agora presidente do Eixo Atlántico, e o secretario da entidade, na rolda de prensa posterior á elección. (Foto: Eixo Atlántico)

“DESTACADO PAPEL DE MONFORTE” DENTRO DESTA AGRUPACIÓN

Segundo trasladaron dende o goberno local, “a decisión da Comisión Executiva vén a corroborar o destacado papel que xoga Monforte no Eixo Atlántico, unha agrupación de municipios que promove un posicionamento cohesionado nas decisións que afectan a Galicia e ó Norte de Portugal e que terá moito que dicir, entre outras, naquelas cuestións referentes á estruturación do ferrocarril en Galicia e no Portugal máis septentrional”. O novo presidente da entidade será o alcalde de Viana do Castelo, José María Costa, que toma o relevo de Abel Caballero, alcalde de Vigo. José María Costa destacou na loita contra a implantación das peaxes nas antigas vías SCUT de Portugal, sendo tamén defensor da conexión ferroviaria polo Miño entre Galicia e o Norte de Portugal. A Comisión Executiva do Eixo Atlántico acordou que a Asemblea Xeral da entidade se celebre en Viana do Castelo o próximo 16 de febreiro, no ano do vixésimo aniversario da creación do Eixo Atlántico, precisamente na mesma cidade. Dentro do Eixo Atlántico, a agrupación de municipios Galicia Interior da que forma parte Monforte xunto con Sarria e O Barco de Valdeorras publicou hai uns meses unha axenda estratéxica que aglutina un estudo feito por técnicos municipais e do propio Eixo xunto con axentes sociais. Noutros territorios como a eurocidade Chaves-Verín ou os que compoñen a asociación Galicia Central tamén se elaboraron estudos similares.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Deputación terá que reducir as residencias para maiores xa proxectadas

Seguinte Nova

O Centro de Información á Muller de Monforte asistirá ás usuarias en 51 idiomas

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio