• O BNG de Chantada reclama nunha moción a debater na vindeira sesión plenaria do mes de xaneiro “o dereito da persoa a intervir no proceso de toma de decisións no ámbito local”. A participación cidadá constitúe, para os nacionalistas chantadinos, “parte inseparable da sociedade democrática” e percíbese como unha necesidade para o funcionamento democrático da sociedade, “sendo tamén a clave para a resolución correcta de múltiplos problemas municipais, e favorece a participación activa de todas as persoas na vida do seu barrio, parroquia, lugar de traballo, entidade cultural, deportiva, de lecer, etc”, apunta o voceiro local nacionalista Ildefonso Piñeiro.
Capacidade decisoria
“A información, debate, participación e consultas decisorias de todas as veciñas e veciños de Chantada deben ser, xunto coa transparencia e a democracia participativa e real, os fíos condutores dun Plan de Participación Veciñal que debe fomentar Asembleas veciñais participativas e decisorias do noso Concello”, apunta o edil do BNG. Hai uns meses, este grupo político entregou un borrador do regulamento de participación veciñal. Posteriormente, nun pleno, preguntaron sobre as xestións sobre este punto sen atopar unha resposta polo momento, comentou Piñeiro. Chegados a este punto, os nacionalistas trasladan unha moción dirixida a acordar no pleno a creación dunha Comisión onde estean integrados todos os grupos municipais e na que se convidará a representantes dos axentes sociais, económicos, sindicais e veciñais para facer as reunións e consultas precisas co obxectivo de elaborar e aprobar un Regulamento de Participación Veciñal.