• Nunha nova crítica ao “elevado gastro corrente” do Concello de Monforte, o grupo municipal do PP denuncia o “nulo esforzo inversor” que, no que se refire aos recursos propios, se tería limitado no exercicio 2010 a 700.000 euros. Segundo manifesta o Grupo Popular, unha mostra desta “ausencia de política inversora que propicie a instalación de empresas en Monforte” sería a situación na que, na súa opinión, se atopan as parcelas do Polígono do Reboredo, que se conformaron sobre un terreo de titularidade municipal no ano 2008. Os populares sosteñen que cinco empresas monfortinas téñense instalado nos últimos tempos no polígono industrial de Bóveda polas condicións que se ofrecerían dende estoutro Concello, mentres seguen en desuso as que ten na súa titularidade o de Monforte no Reboredo. Os populares achacan ao goberno local que “en anos de bonanza non se tivera feito nada para promover os investimentos empresariais”, e que leve a cabo unha “política populista que despreza o gasto en investimento” que sí terían acometido concellos máis pequenos.
Como réplica, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez convidaba a través da emisora local de radio a que se detallaran que empresas son as que marcharon de Monforte por non ter condicións favorables no polígono, un feito que o rexedor nacionalista considera “falso”. Ademais, Severino Rodríguez aproveitou para lembrar unha serie de investimentos municipais no polígono, como son a compra de parcelas que terían sido vendidas a prezos moi competitivos para futuras empresas por parte do Concello. Por outra banda, o alcalde lembrou os beneficios fiscais para a instalación de empresas no polígono.