Os vendedores da Praza de Monforte traballan nos seus novos postos

Os clientes destes mercado poden participar estes días nun novo sorteo de vales de compra e elixir ao mellor praceiro da localidade

• Os industriais da Praza de Abastos de Monforte de Lemos trasladaron a finais de decembro os seus postos á que será a súa localización definitiva nas dependencias do edificio.

ESPAZO DINAMIZADOR PARA USOS MÚLTIPLES

Segundo informaron dende a concellería de Promoción Económica de Monforte de Lemos, dirixida por María Xosé Vega, este traslado efectuouse sen contratempos destacables, polo que os praceiros levan xa días atendendo aos clientes na nave esquerda da praza. Con este cambio de emprazamento continúan as actuacións de remodelación da Praza na zona central do edificio, lugar que vai ser destinado a unha sala de usos múltiples. Os locais aos que se trasladaron os comerciantes contarían coas condicións mínimas para que poidan desenvolver a súa tarefa, pero están pendentes aínda moitos detalles de acabado. A rehabilitación da Praza de Abastos supón, para o goberno local, “unha importante mellora en instalacións, a modernización dos postos coa dotación dos últimos sistemas hixiénico-sanitarios e comerciais, e a creación de novos espazos para o desenvolvemento doutras actividades que revitalicen o comercio tradicional no mercado monfortino” apuntan.

RENOVACIÓN DE SERVIZOS E NOVOS ESPAZOS

A execución do proxecto representa a completa reestruturación do edificio, cunha instalación totalmente nova dos sistemas de fontanería, saneamento, electricidade e ventilación. A remodelación da Praza de Abastos conta cun orzamento de 800.000 euros, financiados na súa totalidade polo Ministerio de Fomento.

SORTEOS DE BONOS DE COMPRA NA CAMPAÑA DE FOMENTO DAS PRAZAS DE ABASTOS

Nestes días tamén se está a desenvolver nas Prazas de Abastos de toda a comunidade, tamén nas do sur de Lugo e Sarria, a continuación da campaña de fomento do comercio neste tipo de mercados por parte da Consellaría de Economía e Industria. Os clientes que voten ao mellor praceiro de cada mercado participan no sorteo de bonos de compra, e os profesionais gañadores recibirán unha homenaxe pública. A iniciativa, que ten por obxectivo poñer en valor o traballo dos praceiros e praceiras, chega este ano a máis de cen mercados galegos. Despois dunha primeira fase, que se desenvolveu entre os días 12 e 23 de decembro, a campaña volve aos mercados galegos ata o 20 de xaneiro para promover as compras no período inmediatamente posterior ao Nadal. O segundo sorteo está previsto para o vindeiro 20 de xaneiro. O mellor praceiro ou praceira de cada mercado sairá do reconto de todos os votos recibidos, e os elexidos serán recoñecidos e homenaxeados publicamente nun acto oficial no mes de febreiro.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Madeira, Pintura e Fotografía en Sarria

Seguinte Nova

A gastronomía foi un reclamo para incrementar o negocio dos establecementos de turismo rural participantes no Outono Gastronómico en Sarria

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: