Últimos investimentos do canon: Contratadas máis do 90% das obras nos concellos afectados polos encoros

• Nos vindeiros meses a Deputación de Lugo liquidará a débeda do canon nos 15 Concellos con produción hidroeléctrica que non contan con sentenza favorable. O voceiro socialista no pleno provincial, Manuel Martínez, subliñou que “o canon era un dos nosos cabalos de batalla, un histórico deber desta institución non só en Chantada, senón en todos os Concellos afectados que, na súa maioría, goberna o Partido Popular. Por iso, facendo xustiza con estes municipios e sen entender de discriminacións por cor política, este equipo de Goberno decidiu achegarlles seis millóns de euros para obras acordadas cos Alcaldes e, polo tanto, demandadas polos veciños”, considerou. Delas foron contratadas a estas alturas máis do 90%, un total de 96 actuacións por valor de 5,5 millóns. O tamén Deputado de Xestión Territorial destacou que o organismo provincial saldou a débeda do canon en 9 destes municipios; no que se refire ao sur de Lugo está zanxada en O Saviñao (onde se executaron obras por valor 628.539 euros), Carballedo (581.098 euros), Pantón (348.714 euros), Quiroga (508.826 euros), e A Pobra do Brollón (235.922 euros); ademais dos municipios de Portomarín (317.471 euros), Guntín (242.558 euros), e A Fonsagrada e Negueira de Muñiz (932.141 euros).

O encoro de Belesar –na imaxe, coas comportas abertas– é o de maior impacto nos concellos do sur de Lugo e comarca sarriana. ArquivEC

TABOADA, SOBER, MONFORTE E RIBAS DO SIL: PENDENTES DAS ÚLTIMAS OBRAS DO CANON

Ao respecto dos restantes municipios, en Taboada estase a tramitar a derradeira actuación por valor de 45.000 euros -neste Concello concluíronse os traballos dotados de case 493.288 euros-; en Sober adxudicaranse nos vindeiros días as derradeiras obras de 84.000 euros -logo de rematar actuacións de 360.734 euros-. O mesmo ocorre en Monforte, onde xa se aprobou tamén o derradeiro traballo de 70.000 euros -tras finalizar obras por valor de 159.306 euros-; en Paradela, a institución provincial está pendente de definir co Alcalde as últimas actuacións por valor de 130.000 euros -xa se executaron melloras de 265.590 euros-; no Páramo tamén acordarán co rexedor local as derradeiras obras, dotadas de 80.000 euros (xa finalizadas as actuacións por valor de 140.984 euros). Situación similar é a do concello de Ribas do Sil, onde hai pendentes traballos por valor de 150.000 euros, mentres se está a finalizar a execución doutros, dotados con 306.474 euros, como a mellora da Casa do Concello e a ampliación das dependencias municipais.

CRITERIOS DO REPARTO

O reparto entre os concellos afectados pola construcción de encoros realizárase en base a un prestixioso traballo elaborado polo Laboratorio do Territorio do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dun recoñecido equipo de traballo encargado, dende hai anos, da redación da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais da Deputación de Lugo. Neste estudo, empregáronse 9 indicadores: os 3 primeiros son os mesmos que se empregaron no informe pericial da sentenza de Chantada (superficie, poboación e potencia instalada), e os outros 6 atenden a criterios baseados en fontes oficiais coma o INE ou nos datos da Deputación para outras accións, coma os cálculos do Plan de Obras e Servizos (POS). “Seguíronse criterios obxectivos, algo que non ocorre en todas as administracións e que debería tentar facer Feijóo, logo de rematar o 2011 e non conceder nin un só euro para este tipo de actuacións aos concellos onde non goberna o PP”, afirmou Martínez. No caso de Chantada, a débeda xa estaba saldada, sendo este o único municipio que contaba con sentenza favorable, investindo 5 millóns de euros, que permitiron executar 26 actuacións, como a construción do auditorio municipal ou a remodelación das piscinas exteriores.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os parques comarcais de bombeiros de Sarria e Chantada suman 129 intervencións no ano 2011

Seguinte Nova

Entrevista: Miguel Martínez, responsable da piscina e do ximnasio municipal de Monforte

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: