A filosofía da cooperación cos concellos en tempos de crise

A Deputación informa aos concellos lucenses das novidades lexislativas destinadas a reducir o déficit público que afectan directamente ao funcionamento da administración local

Non é unha novidade que a crise económica está a castigar especialmente aos Concellos, administracións que xa viñan arrastrando grandes dificultades de finanzamento antes do último ano. Se nos preguntamos para que serven determinados conceptos repetidos en política e trasladados polos medios de comunicación e determinadas figuras creadas polas institucións, atopamos unha resposta en medidas reais e concretas.

INFORMAR DAS NOVIDADES LEXISLATIVAS QUE AFECTAN AOS CONCELLOS POR MOR DA CRISE

É o caso do concepto “cooperación cos concellos” que está a materializar a Deputación como unha das liñas principais de actuación, que á vez pretende dar sentido a un organismo desta natureza. Un exemplo da súa utilidade é a información que traslada aos concellos a través da área específica de Cooperación cos Concellos. E para xestionar mellor esta crise ten unha importancia capital o feito de que as entidades locais estean ao tanto das novidades impostas, polo que a Deputación de Lugo vén de enviar a todos os concellos da provincia varias circulares encamiñadas a desglosar e interpretar correctamente os novos imperativos lexislativos do Goberno central que afectan ao funcionamento dos municipios. Entre eles, están as novidades recollidas no Decreto Lei do 30 de decembro que aglutina as medidas urxentes en materia orzamentaria, tributaria e financeira encamiñadas á corrección do déficit público. Aspectos como a conxelación das retribucións de persoal e altos cargos do sector público, as limitacións na contratación de novo persoal laboral nas administracións durante o exercicio 2012, ou as restriccións das operacións de crédito a longo prazo ás que a miúdo recurrían os Concellos para poder levar a cabo actuacións básicas recóllense nestas circulares. A finalidade que persegue o organismo provincial é a de informar de cambios moi relevantes para a actividade diaria destas entidades, xunto co de facilitar procesos de funcionamento achegando, por exemplo, modelos de pregos adaptados á nova Lei de Contratos do sector Público.

Casa Consistorial de Monforte de Lemos. Arquivo EC

UNHA ÁREA ESPECÍFICA PARA A COOPERACIÓN

En 2007 o novo goberno provincial creaba a área de Cooperación e Asistencia aos Concellos para superar a figura da Deputación como intermediaria e mera distribuidora de recursos. Actualmente, o deputado provincial Juan José Díaz Valiño é o titular deste departamento, que el mesmo define como “a columna vertebral da nosa acción de Goberno e a verdadeira razón de ser desta institución”, en referencia ás estratexias de cooperación municipal. No contexto actual cobra sentido o feito de artellar mecanismos que aforren custes aos Concellos, que garantan a prestación de servizos públicos básicos, que melloren a eficiencia na xestión e a calidade deses servizos, e que combatan a sangría demográfica no rural, e iso é o que a Deputación afirma perseguir a través da filosofía da cooperación cos municipios. Por isto, hai uns meses Díaz Valiño anunciaba unha serie de novidades acordes coa situación, e que pasan pola ampliación dos servizos de asistencia técnica aos municipios aos ámbitos económico-financeiro e urbanístico.

UNHA GRAN MANCOMUNIDADE DE MUNICIPIOS

Configurar unha rede de municipios deixando a un lado a xerarquía entre Concellos e Deputacións sería o fondo central desta cuestión, segundo explican dende o goberno provincial. E isto acadaríase a través dunha participación máis activa dos Concellos, trasladando as verdadeiras demandas e necesidades que teñen á Deputación e clarificando as súas prioridades. Desta maneira, perséguese a concertación de proxectos e servizos reducindo o sistema de subvencións, “xa que estas están condicionadas na súa aplicación, son discontinuas no tempo e graciables na súa concesión”, para establecer outros tipos de cooperación de tipo técnico, económico e xurídico.

NOVAS LIÑAS EN COOPERACIÓN TÉCNICA, ECONÓMICA, XURÍDICA E URBANÍSTICA

A asistencia xurídica e en recursos humanos segue vixente dende as primeiras medidas na implantación do novo xeito de cooperación cos concellos, que poden recurrir a persoal especializado á súa disposición. Pero este ano súmase a asistencia en materia de urbanismo, a través dun arquitecto que asesorará ás entidades locais nun ámbito no que as veces faltan máis recursos técnicos de apoio aos proxectos municpiais. A tiranía da crise económica obriga aos concellos a elaborar, por exemplo, un diagnóstico económico-financeiro,plans de saneamento, plans económico- financeiros, xestionar mellor as operacións de crédito ou informes de subministro de servizos públicos para ver as ofertas máis vantaxosas. Todos estes traballos poden ser dirixidos dende o servizo de asistencia provincial en materia económica, financeira e contable para os concellos. Pero a cooperación chega aos municipios a través de novas liñas como a medición de ruídos e vibracións, prestación da que se está a beneficiar Monforte de Lemos e que ten solicitado o Concello de Pantón, aforrando desta maneira custes na contratación dunha empresa externa.

MÁIS AXILIDADE NA ADMINISTRACIÓN

Unha eterna demanda dos cidadáns e a axilidade na administración, a redicción da burocracia no día a día, algo que se podería tallar en parte con axudas como a que se pode atopar a través do manual para reducir ou eliminar cargas administrativas. Trátase dunha unha ferramenta, elaborada pola FEMP, que pretende prestar un servizo máis áxil aos cidadáns e aforrar custes, e que contén medidas como unha ordenanza que acurta nun mínimo de catro meses o procedemento burocrático necesario para iniciar unha actividade económica co fin de favorecer a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego no ámbito local. A través deste Manual, os Concellos tamén poden, entre outras accións, medir a súa carga administrativa e, en función dela, determinar os mecanismos máis axeitados cos que poden reducir e simplificar procedementos, ou incluso eliminar os que son innecesarios.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os colectivos e asociacións lucenses seguirán contando con axudas neste ano

Seguinte Nova

Máis de 22.300 persoas beneficiáronse en 2011 dos servizos de orientación laboral na provincia

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: