Abrindo portas para acceder ao mercado laboral

As prácticas en empresas, unha oportunidade para os xóvenes titulados

David Vázquez Soto, monfortino de 27 anos de idade e enxeñeiro agrónomo recén titulado, podería ser o perfíl de calquera de tantos mozos na procura dunha primeira oportunidade laboral. David ven de poñer punto e seguido á súa grazas a una das 18 primeiras bolsas do programa LugO2 impulsadas pola Deputación, e que o levaron a vivir un ano de contacto co mundo laboral relacionado co Medio Ambiente a través da estancia nunha empresa portuguesa durante catro meses, experiencia que sería completada en Galicia con 8 meses máis de traballo nunha empresa lucense.

David Vázquez Soto nunha fotografía tomada durante a súa estancia en Lisboa. David V.S.

PRÁCTICAS EN LISBOA

Esta bolsa de formación levou a David Vázquez a desenvolver as súas prácticas nun laboratorio de ánalise de augas en Lisboa. Desta primeira parte da experiencia destaca o período inicial de cursos formativos para entrar en contacto coa lingua portuguesa e a apredizaxe adquirida posteriormente, non só non ámbito profesional, senón tamén no persoal, xa que “o feito de traballar no estranxeiro axúdache a perder o medo a saír fóra e, ademáis, aprendes a desenvolverte mellor”, salientou. Posteriormente, os bolseiros como David regresaron a Galicia para continuar coa súa formación en empresas. No caso deste enxeñeiro agrónomo foi en Isempa, empresa dedicada á área de enerxías renovables, como aeroxeradores ou caldeiras de biomasa. Desta etapa, o mozo monfortino destaca o bo ambiente de traballo e a versatilidade do seu posto, no que ademáis de axudar a elaborar proxectos, puido entrar en contacto directo con este ámbito a través de visitas a obras. Asimesmo, a estancia nesta empresa serviu para espertarlle un interese por este sector, de enormes posibilidades na nosa provincia.

“UNHA MOI BOA OPORTUNIDADE”

Cumplidos os 12 meses, a pasada semana foron entregados os diplomas das bolsas medioambientais aos 18 beneficiarios e, entre eles, David Vázquez facía un balance moi positivo deste ano. Segundo relata David, ao rematar a carreira pensara en preparar oposicións, “pero a concesión desta bolsa foi unha oportunidade moi boa que nos abrirá moitas e novas portas, porque xa che achega unha experiencia que é moi difícil de acadar hoxe en día coas escasas ofertas existentes ”, indica.

PROXECTOS INMEDIATOS

Ao abeiro do programa Lug02, preto do 50% dos participantes -oito de dezaoito- atoparon traballo grazas a esta formación especializada e á experiencia que adquiriron a custe cero. Catro dos beneficiarios que conseguiron traballo de xeito directo continúan traballando en países europeos, e outros oito na provincia. No caso deste enxeñeiro agrónomo, é hora de seguir na procura de emprego, pero xa dende outra posición ou, incluso, de completar formación. “Polo momento, acabo de aterrizar desta primeira experiencia, e non tiven moito tempo; os meus proxectos comezan por atopar algo relacionado coa miña formación, por suposto”, comenta. Consciente das dificultades económicas actuais, David Vázquez non pensa polo momento en arriscar co emprendemento, pero ve futuro no patrimonio medioambiental da provincia. “Está claro que hai moitas cousas ás que sacarlle rendemento no sector agrario en Galicia e na provincia de Lugo”, sentenzou.

ESTANCIAS FORMATIVAS NO EXTRANXEIRO A CUSTE CERO

A través do programa LugO2, a Deputación de Lugo e a Unión Europea fixéronse cargo dos custes da viaxe de ida e volta dos mozos a países estranxeiros, do aloxamento, manutención e dos gastos dos organismos de acollida da cidade de destino. Durante a estancia nas empresas asentadas en Reservas da Biosfera e O Courel recibiron 1.000 euros mensuais. David Vázquez amósase moi satisfeito con este sistema, pero sólo criticaría o modo de reparto das dotacións económicas, que “quizáis deberían estar máis concentradas nos catro meses que pasamos no estranxeiro, aínda que a axuda fose máis pequena durante a nosa estancia nas empresas galegas”.

GÓMEZ BESTEIRO: “TEMOS MOI BOA CANTEIRA PROFESIONAL EN LUGO”

Nun acto de clausura destas bolsas celebrado nos pasados días no Centro de Innovación Social In Lugo, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, destacou, en presenza dos participantes e das empresas colaboradoras, “as gañas de saír adiante e de especializarse, demostrando que en Lugo temos moi boa canteira profesional”, e tamén agradeceu aos empresarios por xuntar esforzos coa Administración co fin de ofrecer “alternativas de futuro aos nosos xóvenes”.

BENEFICIARIOS DO PROGRAMA: MOZOS E MOZAS LUCENSES EN PARO CON TITULACIÓNS ESPECÍFICAS

Os beneficiarios das bolsas son mozos empadroados na provincia que estaban no paro, cunha idade entre os 25 e os 30 anos e que acadaron entre 2007 e 2010 unha titulación en enxeñerías medioambientais, agropecuarias e industrias agroalimentarias ou turismo. Dos 25.400 desempregados cos que terminou o 2011 na provincia, o 22% son menores de 30 anos. A Deputación de Lugo ven de anunciar novas becas como as Leonardo da Vinci, que se suman ás de Lug02 recén terminadas e ás de innovación e artesanía e deseño.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sober achégase ao seu pasado fidalgo

Seguinte Nova

Entrevista: El lucense José Manuel Barreiro, Portavoz del Grupo Popular en el Senado

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: