A Xunta asina contratos programa con 21 centros da provincia que desenvolverán 32 actuacións para a mellora da calidade educativa
A consellería de Cultura e Educación ven de poñer en marcha por vez primeira en Galicia os contratos- programa para a mellora da calidade educativa. Estes contratos programa foron asinados cun total de 144 centros educativos galegos, dos que 21 pertencen á provincia de Lugo. Estes centros lucenses recibiron o contrato- programa nun acto presidido polo conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira.

IMPLICACIÓN DE TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA E ADMINISTRACIÓNS
Segundo manifestaron os respresentantes autonómicos de Educación, o obxectivo destes contratos-programa é contribuír á mellora da calidade do sistema educativo de Galicia, implicando ao conxunto da comunidade educativa, á Administración e a concellos e outras entidades. Conforme a este compromiso, o departamento educativo da Xunta de Galicia dotará os centros dos recursos necesarios para o desenvolvemento das actuacións establecidas nos contratos-programa. Así mesmo, certificarase como actividade de innovación educativa a participación do profesorado no desenvolvemento destas accións, que se poderán difundir ademais como exemplo de boas prácticas no eido do ensino.
CINCO LIÑAS DE ACTUACIÓN
Segundo informou a consellería de Cultura e Educación, cada un dos centros participantes analizou as súas fortalezas e debilidades e propuxo medidas específicas de actuación, de xeito que o programa elaborado dea resposta ás súas necesidades reais. En concreto os centros traballaron en torno a 5 liñas de actuación, nomeadamente o reforzo, a orientación e o apoio; a mellora da lectura, da escritura e do cálculo; a mellora da convivencia; a redución do abandono escolar; e a mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.
MÁIS DE 1400 ALUMNOS BENEFICIARANSE DESTA INICIATIVA
Os 21 centros lucenses participantes desenvolverán un total de 32 actuacións, enmarcadas nas 5 devanditas liñas, nas que participarán 64 profesores, e das que se beneficiarán 1.439 alumnas e alumnos. Destes estudantes, o 56 % participarán en actuacións para a mellora de lectura, escritura e cálculo; o 35 na de reforzo, orientación e apoio; o 5 % na de mellora da convivencia escolar, o 3 % na de mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e o 1% na de redución do abandono escolar. No sur de Lugo, os centros que asinaron contrato-programa son os IES Lama das Quendas (Chantada), e A Pinguela (Monforte), e os CEIP A Gándara (Monforte), Colexio Novo (Monforte) e o CEIP de Quiroga.