A Área de Turismo da Deputación ultima os detalles para a creación da Empresa Pública de Turismo
A raíz da celebración da feira do turismo FITUR a mediados de xaneiro, a Área de Turismo da Deputación de Lugo, a través do delegado de Cultura e Turismo Mario Outeiro, expresou a súa aposta pola desestacionalización e pola creación de emprego mediante o reforzamento deste sector. Outeiro aproveitou a súa comparecencia para explicar que a ausencia de representación institucional da Deputación de Lugo en FITUR non significou que os produtos turísticos da provincia non estivesen en dito escaparate, senón que “non parece o máis razoábel dedicar fondos destinados á promoción e ao aumento do gasto turístico a sufragar o desprazamento e a hospedaxe de responsábeis políticos a Madrid”. Deste xeito, segundo explicou Mario Outeiro, o organismo provincial aposta por “priorizar en cuestións centrais e non accesorias” o investimento destinado ao eido turístico, xa que, segundo Outeiro, “o que temos que garantir é que Lugo chegue aos destinos turísticos, non que os políticos de Lugo se despracen aos destinos turísticos”.
EXPECTATIVAS DE VISITAS Á PROVINCIA
Nesta liña de actuacións, Mario Outeiro anunciou que o organismo provincial prevé máis de 2.000 visitas ao conxunto das terras lucenses para o mes de febreiro, en virtude do plan de desestacionalización do turismo que xa está en marcha “como medida de choque para o primeiro trimestre de 2012”. Este plan pretende “atraer visitantes nunha época do ano que habitualmente presenta uns pobres resultados turísticos, xa que a demanda é practicamente nula”, explicou Outeiro. Así, o plan “pretende garantir que as pernotacións e o gasto turístico se manteña nun período particularmente complicado. Este programa de desestacionalización incide en mobilizar as enerxías da demanda interna, como conseguimos co plan de termalismo, e tamén en atraer visitas do mercado estatal”, destacou o delegado de Cultura e Turismo.
EMPRESA PÚBLICA DE TURISMO
Durante a súa comparecencia, Mario Outeiro lembrou a aposta do equipo de goberno provincial “polo benestar e polo emprego” , porque “diante dunha situación como a actual o sector público non pode mirar para outro lado, senón que ten que traballar naquelo que é máis necesario”, argumentou. Nesta liña de traballo é onde se sitúa, según Outeiro, a creación da Empresa Pública de Turismo “como unha ferramenta para potenciar unha actividade económica que representa xa o 13% do noso PIB”. Os estatutos e obxectivos deste novo ente, do que Outeiro garantiu “o carácter fundamentalmente público da empresa que se cree”, e que contará coas principais asociacións vinculadas ao turismo, quedarán constituidos en breve. Deste xeito, esta empresa tratará de “actuar na demanda agregada para crear máis emprego, e de favorecer o crecemento económico do sector, aumentando o número de visitantes”.