Esta obra, na que se invisten 70.000 euros, integra unha fase máis da progresiva posta en valor do contorno do Cabe
O paseo fluvial do Cabe completará a súa iluminación no tramo urbano cunha dotación de 70.000 euros, que servirán para instalar luminarias na zona que vai dende a ponte da ronda urbana á altura aproximada do IES Daviña Rei.
ÚLTIMA ACTUACIÓN A CONTA DO CANON
Nos pasados días, a Deputación aprobaba a adxudicación das actuacións nunha xunta de goberno. Esta obra será a última do que lle corresponde a Monforte pola débeda do canon hidroeléctrico, coa que quedaría liquidado o conxunto de actuacións. En total, mediante o canon, a institución provincial achegou a Monforte de Lemos 233.097 euros para execución de 6 actuacións que, a excepción desta última, están xa finalizadas. Grazas a esta partida, o Concello consensuou coa Deputación o acondicionamento de diversos camiños municipais como o de Raimundo Patiño ou os da zona de Lodairo; a humanización da rúa Otero Pedrayo, unha das rúas comerciais máis importantes do centro da vila e na que tamén se atopan varias dotacións públicas e enfocadas ao ocio, e outras fases previas para a iluminación do paseo peonil do Cabe.
POSTA EN VALOR DO PASEO
A posta en valor do paseo fluvial do río Cabe foi un obxectivo importante para a administración local dende hai anos, e as diversas actuacións realizadas dun xeito progresivo contaron con fondos do propio Concello e doutras administracións como a Deputación, pero tamén se aproveitou o traballo do último obradoiro de emprego que mellorou a zona tanto con actuacións de xardinería como de albañilería ou carpinteiría. Ademáis das propias marxes do río tamén foron acondicionadas varias rúas do seu contorno, como a rúa Santa Clara, que fan de accesos. Para a consolidación deste paseo téñense levado a cabo nos últimos tempos melloras referidas á súa iluminación, barandas, rexeneración de áreas degradadas ou incorporación de mobiliario. Entre o Multiusos e os Escolapios centráronse as principais actuacións repartidas en diversos proxectos, entre os que destaca a construcción de pantaláns, a recuperación de barcas de paseo enfocadas a desenvolver unha oferta de lecer e turística arredor deste patrimonio natural co que conta a cidade. E para que o paseo se poida desfrutar tamén cando cae o sol, considerouse imprescindible a súa axeitada iluminación, un proceso progresivo que agora se completa coa derradeira actuación do canon que significa a práctica posta a punto do malecón e da beira do río.
ACTUACIÓNS NAS PARROQUIAS
Sen embargo, en numerosas ocasións, o actual equipo de goberno ten manifestado a intención de mellorar o contorno do río tamén nas parroquias e coa colaboración doutras entidades competentes como a Confederación Hidrográfica. As ideas pasan tamén por actuacións imprescindibles como a limpeza e o coidado dos propios regatos, coma o das Malloadas ou o de Navarvelle, para os que se confirmaba nas pasadas semanas que se procederá a unha limpeza que evite posibles anegacións.