Na escola como na casa: a comunidade educativa de San Clodio une esforzos

Pais, nais, alumnos e profesores colaboran man con man na mellora do colexio de San Clodio durante o presente curso. O conxunto da comunidade educativa está a levar a cabo tarefas que completan outras pequenas actuacións das que son responsables a administración local e autonómica.

Un grupo de nais está a colaborar na organización da biblioteca, fomentando a relación familia-escola e sumando esforzos ás melloras en infraestruturas. Ceip SanClodio

A ESCOLA, “MOITO MÁIS QUE UN APARCADOIRO DE NENOS”

O incremento das horas de docencia dos mestres fixo que algunhas tarefas tivesen que ser replanteadas, e buscar novas vías para coordinar o traballo externo ás propias aulas, polo que un grupo de nais ofreceron a súa colaboración a través do Consello Escolar, conscientes de que a escola “é moito máis ca un aparcadoiro de nenos”, apunta o director do CEIP de San Clodio, Francisco Bouso. Reordenación de espazos, catalogación de fondos bibliográficos e audiovisuais e melloras na seguridade do recinto escolar son algunhas actuacións que se están acomentendo, xunto coa optimización dos recursos, e tamén as axudas dos pais no comedor escolar.

UNHA ACTUACIÓN CON “VALOR ENGADIDO”

O centro conta con tres unidades, 26 alumnos e 4 profesores aos que se están a unir tamén os pais para superar de xeito exitoso as dificultades económicas que atravesa a educación, pero dunha maneira que ademáis achega valor engadido á calidade do proceso de ensino- aprendizaxe, algo que valoran moi positivamente dende a dirección do centro. Actualmente, varias nais de alumnos dedican arredor dunha hora e media ao día do seu tempo a tarefas de reorganización de espazos e catalogación dos fondos bibliográficos, recursos TIC e audiovisuais para facilitar o acceso a eles, tarefas que para Bouso, ademáis de ser precisas para o funcionamento do centro, “contribúen a reforzar a relación familia-escola”. Por exemplo, a laboura de catalogación permite aos pais entrar en contacto con moito material disponible para a educación dos rapaces, o que lles permite coñecer o que hai e poder utilizalo cando se considere oportuno.

TRABALLO EN COMÚN DESTE “GRUPO PILOTO”

O traballo faise en perfecta harmonía e cun equipo que pón en común todos os aspectos ou dúbidas que poidan xurdir. As tarefas de catalogación poden atoparse únicamente con pequenas trabas como a inexperiencia, pero o asesoramento do responsable da biblioteca e a utilización do programa Meiga axudan a levar adiante o traballo. Pódese dicir que o equipo actual é un “grupo piloto”, xa que o equipo docente pretende que nun futuro exista unha implicación da totalidade dos pais en realizar tarefas en prol do centro, o que permitirá unha maior diversificación das súas actuacións e a aliviar a carga de tempo actual, ao dispor de máis persoas que poderán funcionar a través de grupos.

AULAS MULTINIVEL E MULTITAREFA

Un total de 26 nenos que residen no pequeno municipio de Ribas de Sil acoden cada día a este centro. Ao ser un número reducido de alumnos, están agrupados en aulas multinivel que favorecen a aprendizaxe vicaria e as relacións sociais entre nenos e nenas de diferentes idades. Ademais de multinivel, as aulas da escola de San Clodio tamén son multitarefa: trátase de espazos amplos que se poden “dividir” en pequenas zonas nas que se están realizando á vez diferentes actividades supervisadas por un mesmo mestre, tal e como explican dende a dirección. Este singular sistema das pequenas escolas lembra ás antigas escolas rurais extendidas por todo o país ata a implantación dos grupos escolares, habitualmente na capitalidade municipal, a partir dos anos setenta. Lonxe do que poida semellar, este sistema parece desembocar en bos resultados académicos, xa que, segundo os datos do centro extraídos das avaliacións diagnósticas, os antigos alumnos acadan resultados académicos superiores á media galega cando pasan á educación secundaria. As peculiaridades deste tipo de centros con aulas multinivel que se extenden aínda por moitas partes de Galicia, Asturias ou Cantabria manteñen en contacto permanente a responsables deste tipo de centros para poñer en común os asuntos que lle son propios polas súas especiais características.

COLABORACIÓN DAS ADMINISTRACIÓNS

Neste momento estanse a realizar por parte do Concello de Ribas de Sil melloras de seguridade no recinto escolar, como a colocación de reforzos no valado para evitar que os animais poidan acceder incontroladamente ao recinto, e tamén para impedir que o alumnado poida atravesar o cerrado por descuido e acceder sen vixiancia ás rúas e estradas que o rodean. O propio Concello síntese parte desa activa comunidade educativa dende a súa obriga de atender ao mantemento das instalacións ata onde pode chegar, explican dende o goberno local. Destacan ao tempo a unión co centro en momentos nos que é preciso reclamar investimentos maiores á administración autonómica, como no caso da calefacción.

BOA SINTONÍA CO EQUIPO MUNICIPAL

Por outra banda, o Concello é o encargado de organizar as denominadas “actividades fóra do horario escolar” dirixidas aos nenos, o que é outra forma máis de colaboración coa comunidade educativa, e coa dirección do centro que “é sempre consciente das limitacións presupostarias do Concello”, sinala o tenente de alcalde, Roberto Castro. A introducción dun pequeno parque infantil na área do recreo, o modelo compartido do pavillón deportivo acondiconado polo Concello a través do Plan-E que responde a un modelo compartido de uso educativo e municipal, ou a utilización dunha parte morta do recinto escolar para o parque de bicicletas son outras sinais do bo talante e colaboración do centro e o Concello.

RECENTES MELLORAS

No mes de outubro a Consellería de Cultura e Educación levou a cabo unha serie de melloras nos cerramentos do edificio para evitar perigos de desprendementos de cascotes. Logo do movemento sísmico de 3,7 graos rexistrado o día 1 de outubro con epicentro nas proximidades do colexio, a dirección do centro emitiu un informe dirixido á Unidade Técnica do Departamento Territorial de Lugo, e trala visita de técnicos da Consellería e da empresa Inveco, decidiron facer algunhas melloras para consolidar os ventanais e os enfoscados que os rodean. Asimesmo, a Consellería dotou ao centro dun equipo de encerado dixital interactivo (EDI), que xunto cos recursos T.I.C. con que xa contaba o centro permitiron converter as aulas tradicionais en dixitais. Neste momento están á espera de que Educación leve a cabo melloras na rede wifi dunha das aulas para que poida resultar máis funcional.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Entrevista: El lucense José Manuel Barreiro, Portavoz del Grupo Popular en el Senado

Seguinte Nova

130 aspirantes superaron as probas teóricas para traballar de bombeiros en Monforte

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: