A aposta firme pola recuperación desta especie iniciouse na comarca e está a consolidarse como unha actividade económica que pón en valor o campo e contribúe ao mantemento da paisaxe.
A cuarta edición da Festa do Cocido do Porco Celta da comarca de Sarria celebrouse o pasado día 5 de febreiro no pavillón dos institutos da vila sarriá.
INICIATIVA EMPRESARIAL E GASTRONÓMICA
O continuo emprazamento deste evento en Sarria ten a súa razón de ser en que os primeiros pasos nunha aposta seria pola recuperación desta especie se deron na comarca, concretamente por parte dun labrador de Triacastela, ao que se foron sumando outras experiencias na zona que levarían á necesidade de organizar esta actividade a través dunha entidade que reúne actualmente aos criadores de toda Galicia, a Asociación de Criadores de Ganado Porcino Celta -ASOPORCEL. Outro feito emblemático é que un dos primeiros restaurantes que apostou pola introducción do porco celta na súa carta é o restaurante Roma de Sarria, contribuíndo así a promocionar esta carne e derivados.
MÁIS DE 300 ASOCIADOS VINCULADOS Á CRÍA DO PORCO CELTA
Por todo isto, este evento vai máis aló do propio sentido festivo ou gastronómico, porque “a mellor forma de contribuír á recuperación dunha raza é coméndoa”, como ben explica José Antonio Carril, director técnico da ASOPORCEL, un colectivo que colabora moi activamente na organización deste gran cocido e que tén moito que dicir no que foi a recuperación dunha raza autóctona galega que está en perigo de extinción. O colectivo conta actualmente con 321 asociados que se adican á cría do porco celta, algún de xeito exclusivo e outros como complemento a unha actividade agraria diversificada. A conservación do patrimonio xenético da raza porcina galega, coa idea de preservar un importante recurso zooxenético e deixar o seu legado a xeracións vindeiras, así como a xestión do Libro Xenealóxico da Raza Porcina Celta son dous dos cometidos desta entidade, á que a Consellería do Medio Rural, que é a que sustenta a competencia nestas materias, lle ten subrrogada esta tarefa. Carril explica que entre a actividade habitual da entidade está a de manter actualizado o arquivo de criadores e exemplares e levar putualmente as altas e baixas.
MÁIS ALÓ DA PURA ACTIVIDADE DE CRIANZA
Pero ademais destas función, a expansión desta actividade está a contribuír a poñer en valor a actividade agraria en xeral e crea un complemento á renda dos labradores, ao tempo que axuda dalgunha maneira a fixar poboación nun rural cada vez máis abandonado durante as últimas décadas. José Antonio Carril achega ademáis unha visión un certo bucólica, pero non errónea, que é a responsabilidade dos criadores de porco certa no embelecemento e coidado do contorno paisaxístico. O porco celta críase ao aire libre en fincas de propiedade ou arrendadas, e desta maneira tamén se aproveitan os recursos infrautilizados de moitas das terras e bosques en abandono que, tempo atrás, foran pasto de riqueza e supervivencia na sociedade rural. Estes porcos, de morfoloxía e pigmentación variadas, de tamaño contundente e aspecto rústico como herdanza da súa adaptación ao contorno, ofrecen aos consumidores unha carne de primeira calidade. A comarca de Sarria ten un importante peso en Galicia na produción de porco celta. Segundo datos de Asoporcel, existen 19 explotacións de tipo familiar, ademais da cooperativa de Goó (O Incio), cun censo conxunto de 400 animais, o que supón o 10 por cento do total de Galicia. Os concellos con maior número de explotacións son O Incio e Triacastela (ambos con 7), seguidos de Sarria e Samos (dúas en cada caso) e O Páramo, cunha granxa dedicada a criar porco autóctono.