A Deputación e Prescolar na Casa renovaron o convenio de colaboración para a elaboración de programas de radio e produtos audiovisuais co obxectivo de contribuír a difundir o labor que está a desenvolver esta entidade sen ánimo de lucro, e completar a formación práctica dos bolseiros da Escola de Imaxe e Son de cara a súa inserción laboral.
A TIC achega as súas instalacións e medios técnicos, así como un equipo de profesionais e bolseiros, para a elaboración do programa educativo que Preescolar na Casa emite na Radio Galega. Ademais, estase á espera de que se renoven os acordos para a realización dun programa de 15 minutos, integramente gravado nos estudos da TIC, que nos últimos anos se viña emitindo en Radio Principal Cadena Ser Vilalba e Monforte e na Radio Municipal de Quiroga.
A laboura que desempeñou esta entidade durante moitos anos no rural galego, viuse notablemente reducida nos últimos tempos polos recortes da Xunta, segundo se ten denunciado dende moitos eidos, que fixeron imposible a contratación da totalidade do persoal que viña desenvolvendo a súa tarefa en diversas áreas de Galicia, pero que se foron salvando cunha nova subvención do Ministerio de Sanidade por valor de 505.000 euros, que recuperaron algúns empregos. O principal obxectivo de Preescolar é mediar na interacción entre adultos e nenos, tendo en conta a realidade socioeducativa galega, sobre todo do medio rural, que é o seu principal ámbito de actuación. Preescolar na Casa naceu en Lugo en 1977, froito da inquedanza social de Antonio Gandoy, cura de Cáritas Diocesanas, popularmente coñecido como o “crego da bicicleta”. Tratábase dun programa educativo vangardista que reclamaba a implicación e participación de pais e nais na educación.