As xornadas abriron unha porta para seguir reconstruíndo a pegada da linaxe que deu vida ao Pazo de Sober e escribiu parte da historia de Galicia
Achegarse á familia nobre máis importante do municipio de Sober e, moi probablemente, a unha das máis importantes da zona foi obxectivo cumprido das primeiras Xornadas ‘A Casa dos López de Lemos e a nobreza galega’, celebradas a pasada fin de semana, precisamente na que fora a casa dos López de Lemos, o Palacio de Sober. Actualmente remozado en hotel de cinco estrelas gran luxo, o pazo foi residencia dos señores e señoras de Sober e Ferreira, unha linaxe pouco estudada deica o momento e da que “queda moito por descubrir”, tal e como indica o alcalde de Sober Luís Fernández Guitián, á fronte da principal institución promotora deste evento.
UNHA HISTORIA AÍNDA POR DESCUBRIR
Varios historiadores e expertos revelaron aos asistentes diversos detalles da saga dos López de Lemos, do que don Lopo López de Lemos é o primeiro membro que aparece nomeado nos documentos consultados por Eduardo Pardo de Guevara, profesor de investigación no Centro Superior de Investigacións Científicas (IGPSEG- CSIC), e que datarían do ano 1.196. Os poñentes descubriron ademáis algúns datos dos emparentamentos da familia con outras da nobreza galega, coma os Amarante ou os Camaraza, para pasar a pertencer á linaxe de Medinaceli cando xa fora vendido o Pazo de Sober a xente externa á nobreza, xa a finais do século XIX, onde parece perderse un pouco o fío familiar. Os trece roeles do actual escudo de Sober e provintes do escudo de armas da casa, comúns ao de Pantón, os documentos vinculados a Santo Estevo, as parentelas con Portugal documentadas en diversos libros coma o do Conde don Pedro, ou os sepulcros nos mosteiros de Ferreira e Montederramo ofrecen pistas para compoñer a historia por descubrir dos López de Lemos.
O EDIFICIO CIVIL DE IMPORTANCIA MÁIS ANTIGO DE GALICIA
O alcalde de Sober traslada ademais o testemuño de veciños que lembran aos caseiros no Palacio nos anos 40 do século pasado, para quedaren entre os anos 50 e 60 completamente deshabitado o edificio civil de importancia máis antigo de Galicia, que algúns datan no século VI ou VII, e probablemente un dos de maior dimensión, con 4.000 metros cadrados de superficie construída.Agora remoldelado como hotel, o Palacio de Sober deixa constancia de distintas construccións que o compoñen e modificacións ao longo dos séculos. No legado dos Medinaceli, en Valladolid, consérvase un plano da construcción de finais dos anos 1.800, e que segundo o rexedor local pode ser consultado para futuras investigacións, aínda que xa existe unha copia que se conserva no Pazo de Oca.
UN PUNTO DE PARTIDA
A organización, a cargo do Concello de Sober e coa colaboración do Consello da Cultura Galega e a Irmandade da Ribeira Sacra, valorou dun xeito positivo as xornadas, “xa que conseguiu que grandes expertos e historiadores se implicaran e que se alimentara aínda máis unha inquedanza para seguir colaborando no descubremento dos López de Lemos”, comentou o rexedor local, que se amosou disposto a acadar finanzamento para unha futura publicación que dea soporte á historia dunha familia que daría nome ao municipio asentada no lugar de Refoxo, nunha casa que pasaría épocas de esplendor e decadencia e que aglutinaría máis ou menos parcelas de poder segundo o momento e parentelas, indo moito máis aló do máis coñecido e lexendario dunha linaxe remota, Diego López de Lemos, o Irmandiño. Para o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, estas xornadas serven á vez para ensalzar o “perfil cultural e turístico do municipio” moi marcado pola existencia da nobreza, estamento de gran permeabilidade en coñecementos e que é “parte fundamental na construcción da propia Europa”.