Os traballos incluirán melloras na accesibilidade que xa foran demandadas pola comunidade educativa
O pasado 6 de febreiro, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, acompañada por técnicos da Consellería de Educación, representantes do Concello de Sarria e do equipo directivo do centro, reuniuse cos pais do CEIP Frei Luis de Granada de Sarria para informalos das actuacións que se levarán a cabo e que suporán a rehabilitación de tabiques e o reaxuste da estrutura do edificio principal do centro. Segundo anunciaron os responsables técnicos, estas reparacións iniciaranse en breve, de cara á que a actuación estea definitivamente rematada durante o verán e estas instalacións do centro poidan utilizarse con normalidade durante o vindeiro curso.
INFORME TÉCNICO FACILITADO AOS PAIS POLOS RESPONSABLES DA CONSELLERÍA
Segundo informaron dende a delegación territorial da Xunta en Lugo, as probas de forza realizadas no edificio principal do colexio por técnicos dunha empresa independente avalan a capacidade de resistencia dos forxados da estrutura dese módulo. Durante a reunión, os pais accederon á documentación do citado informe, respaldado polo arquitecto Juan Pérez Valcárcel, reputado especialista en resistencia de estruturas, materia da que é catedrático na Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña.
REHABILITACIÓN DE TABIQUES
Segundo o avaliado polos técnicos desta empresa e os da Xunta de Galicia, os danos observados na estrutura do edificio central do CEIP Frei Luis de Granada concéntranse na tabiquería da construción. Deste xeito, as actuacións centraranse na rehabilitación de tabiques, así como no reaxuste da estrutura do edificio principal do centro, no que se manifestaron desperfectos no mes de novembro. De cara á realización das obras, e seguindo as indicacións dos técnicos, xa se procedeu a librar a estrutura do edificio das medidas de apuntalamento existentes.
MELLORA DAS CONDICIÓNS DE ACCESIBILIDADE POR DEMANDA DA COMUNIDADE EDUCATIVA
Asimesmo, os responsables autonómicos indicaron que o proxecto que se levará a cabo facilitará tamén a mellora das condicións de accesibilidade do centro, coa instalación dun ascensor e obras de mellora na cociña do centro, co que se dará resposta á mellora nas condicións de accesibilidade que a comunidade educativa viña demandando.