A concelleira de tráfico, María Xosé Vega, e os integrantes do goberno municipal dirixiranse ás administracións pertinentes na procura dunha solución satisfactoria para evitar a sucesión de accidentes de circulación que se rexistran na zona do campo da feira. Os veciños da zona dirixíronse varias veces á entidade local preocupados por estes sucesos, que ocorren con frecuencia. O último tivo lugar nos pasados días na intersección entre a estrada de Monforte a Currelos e a pista do canal de regadío.
O Concello afirma non ter potestade de actuación sobre ningunha destas estradas, xa que unha pertence á Deputación de Lugo e outra á Confederación Hidrográfica, institucións ás que se dirixirá reclamando a adopción das medidas que estimen oportunas para solucionar o problema e, no sucesivo, evitar males maiores.
Dende o Concello existe o convencemento de que as súas peticións serán atendidas e de que as institucións que teñen que actuar adoptarán as medidas máis efectivas para evitar futuros accidentes de circulación, xa que hai uns meses o Concello realizou unha petición de similares características á Deputación de Lugo, encamiñada a reducir a velocidade dos vehículos ó seu paso pola zona deportiva e educativa da Pinguela.