Escola infantil de Pantón: Aprender do contorno rural

A estratexia educativa da escola infantil de Pantón traslada aos nenos tradicións como a mantanza ou a vendima

Utilizar o contorno no que os nenos viven e educalos nos valores e cultura do rural que os rodea é unha das liñas educativas principais da Escola Infantil de Pantón. Actividades como a elaboración dos chourizos durante a tempada de matanzas ou aprenderlles a vendimar durante a época inserindo aos nenos de cero a tres anos na cultura vitivinícola da Ribeira Sacra, son tan só un par de exemplos desta estratexia. Ademais, o equipo educativo explica que tentan aproveitar calquera actividade cotiá que se desenvolva no contorno da escola, como foron as recentes obras durante as que os pequenos se achegaron a coñecer o traballo da albanilería, poñéndose en contacto con este tipo de tarefas e cos traballadores.

Estas iniciativas acadan unha grande resposta por parte dos máis pequenos ao tempo que agradan ás súas familias. A experimentación, moitas veces a través do xogo, promóvese como complemento ás importantes rutinas diarias nas que os rapaces de todas as idades teñen obrigas comúns como a de poñerse correctamente o mandil ou gardar a fila, disciplinas que contribúen positivamente na primeira educación, tal e como sostén a directora do centro, Rocío Domínguez. Outra das peculiaridades da escola infantil de Pantón, emprazada no recinto do colexio Monte Baliño, son as continuas actividades enfocadas ao contacto exterior, especialmente as que se impulsan en colaboración co centro de día situado nas proximidades da escola. Os rapaces non faltan a tradicións coma o magosto e o entroido con visitas nas que entran en contacto cos anciáns. “Os avós” aportan un xeito moi importante de socialización dende idades moi prematuras, dende as que é imprescindible inculcar un respecto polos maiores.

Os nenos traballan habitualmente en diversas manualidades na Escola Infantil de Pantón. E.I.Pantón

CARACTERÍSTICAS DO CENTRO

A Escola Infantil de Pantón leva en marcha dende o ano 2007, no que fora inaugurada como Galescola, pasando recentemente a formar parte da nova rede de centros da Xunta. Actualmente conta con 11 alumnos, a pesar de ter capacidade para 20 prazas. Os raparigos, fundamentalmente con idades comprendidas entre os dous e os tres anos, acoden tanto dende zonas rurais e da vila de Ferreira, así como dalgúns concellos limítrofes. O centro conta con xornada continuada deica as cinco da tarde. Un grupo de oito nenos xanta diariamente na propia escola, que carece de servizo de cociña, polo que as propias familias achegan cada día os alimentos. Contar cun servizo de cociña é unha pequena demanda do equipo de persoal, formado por 5 traballadores, despois de ter descartado fórmulas como a de pór en marcha un servizo de catering. Esta pequena ausencia sería a única eiva en canto ao equipamento do centro, que os educadores consideran moi completo e actualizado para desenvolver a súa laboura. Achégase o entroido, e para dar o debido cumprimento a unha tradición da que desfrutan especialmente, os nenos da escola infantil participan xa na elaboración dos seus disfraces para acompañar aos alumnos do CEIP no seu habitual desfile ata a praza do Concello, unha cita ineludible cando se achegan estas datas.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Xunta destina 75.000 euros a varios centros infantís da zona Sur de Lugo

Seguinte Nova

A exaltación da única raza porcina orixinaria de Galicia congregou a autoridades e público en Sarria

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: