O actor Luis Iglesia apadriña o Estase Cocendo impulsado polos hostaleiros
Restaurantes, bares e pubs de todo o sur de Lugo colaboran este ano no mes de promoción do cocido de Entroido. O “Estase Cocendo”, impulsado pola delegación Sur da Asociación de Hostaleiros, chega este ano a súa cuarta edición e celebrarase ata o 29 de febreiro. O evento medra e ano a ano medran os establecementos implicados, incorporándose este ano algúns en Chantada e Quiroga, ademáis dos da Terra de Lemos.
Cocido nos menús dos restaurantes, tapas de cocido nos bares participantes e festas relacionadas con esta comida nalgúns pubs de Monforte son as actividades centrais. O “Estase Cocendo” foi presentado o pasado venres no Centro do Viño de Monforte a cargo dun “padriño” de excepción, o actor Luís Iglesia, protagonista da serie Matalobos da TVG na que encarna o papel de Carmelo Matalobos, e un dos actores principais doutras emisións actuais como La Fuga, de Telecinco. Iglesia loubou a decisión do grupo de hostaleiros que se unen para “reivindicar algo en común” e calificou o cocido coma un dos pratos paradigmáticos da cociña galega, en correspondencia cunha filosofía de vida tamén moi galega e lonxana da fast food que se impón coa globalización. O actor lugués destacou ao tempo os valores ecolóxicos, naturais e exquisitos de algo á vez tan sinxelo e tan completo coma o cocido, como un xeito máis de realzar a identidade propia de Galicia.
Nun acto arroupado por autoridades locais e un importante número de respresentantes da hostaleiría da zona, tamén participou o presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostaleiría de Lugo, Cheché Real, quen agradeceu a laboura da delegada para a zona Sur, Beatriz Vila, e o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, que destacou a colaboración dos 70 establecementos participantes no “Estase Cocendo 2012”, un evento que pretende servir de pretexto para o fomento do turismo nesta tempada.