Sober renova a rede de alumeado e elimina luminarias co fin de acadar un importante aforro enerxético
O Concello de Sober iniciou fai meses diversas melloras nos seus alumeados públicos encamiñadas ao aforro enerxético. O ano pasado encargouse unha auditoria enerxética, subvencionada pola Consellería de Industria, á empresa Abante, que levou á posta en marcha de diversas medidas que dende o goberno local consideran de gran relevancia. A máis importante é a que se está a facer agora mesmo na capitalidade municipal de Sober, e que consiste na renovación integral de toda a rede de alumeado -incluíndo cadros, equipos, luminarias e parte do cableado-.
CAMBIO DAS LUMINARIAS E CADROS ELÉCTRICOS
Deste modo estanse a cambiar preto de 250 bombillas por lámpadas de haloxenuro metálico, que producen máis e mellor luz e consumen moito menos (a maioria das lámparas pasan de 150Watios a 50Watios, cunha iluminación branca e máis intensa). Ao tempo cámbianse preto de 100 luminarias completas, máis de dous kilómetros de cableado e instalaranse dous novos cadros -que substituirán aos catro existentes-. O novo sistema, máis moderno, contará nos cadros con reloxos astronómicos e reductores estabilizadores electrónicos con telexestión -aviso de avarías, control de consumo, cambio de programación ou encendido centralizado, entre outras características-. Con estas actuacións, retíranse arredor de 50 postes soterrando o cableado en varios tramos cunha finalidade estática.
O alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, quixo puntualizar que os traballos que realiza a empresa Santos Héctor, baixo a dirección de Abante, “non suporán gasto ningún para as arcas municipais xa que se sufragarán co aforro económico que estas importantes melloras traerán consigo”. Estímase un investimento total de 40.000 euros, pero o aforro será de 12.000 a 15.000 euros anuais. O Concello pagará en catro anualidades con cargo ao aforro producido. Por outra parte, dende o Concello solicitouse á compañía eléctrica subministradora a modificación de tarificación na maioría dos alumeados públicos do termo municipal, o que, afirman os responsables locais, suporá tamén un aforro de 12.000 a 15.000 euros anuais.
MELLORAS E RETIRADA DALGUNHAS LUMINARIAS NAS PARROQUIAS
Ao mesmo tempo, personal municipal do servizo de electricidade leva meses mellorando instalacións de alumeados en diferentes parroquias, cambiando luminarias de postes de madeira para postes de hormigón, colocando reloxos astronómicos nos lugares con maior número de farolas e unificando cadros de alumeado, ao tempo tamén se procede ao apagado ou retirada dalgunhas luminarias que consideran “absolutamente imnecesarias” dende o goberno local. O Concello solicitou do INEGA -Instituto Enerxético de Galicia- unha axuda para a modificación integral dos alumeados de Anllo Santo Estevo -O Campo, Cigueñeira, Soutonovo, Pacios e O Xuncal-, Canabal e A Vacariza -Neiras-. Fernández Guitián comentou que en moitos casos aínda existen lámpadas de vapor de mercurio no alumeado público que producen unha importante contaminación lumínica e un consumo excesivo.
ESTUDO NAS INSTALACIÓNS MUNICIPAIS
O Concello de Sober espera a moi corto prazo ter revisadas todas as instalacións de alumeado público municipal, unificando preto de medio centenar de cadros. Espérase aforrar un 50% do consumo sen ter que retirar un importante número de luminarias. Sober conta cuns 300 núcleos de poboación e preto de 4.000 puntos de luz. Por outro lado, segundo informaron dende o Concello, vaise proceder tamén a elaborar un estudo de consumo enerxético nos edificios e instalacións municipais co obxecto de levar a cabo as correspondentes medidas que traían consigo aforro económico e que non supoñan merma na calidade dos servizos.