A comarca de Lemos prepara os días grandes do Entroido

O Entroido de Salcedo acollerá este ano unha importante programación lúdica, que incorpora gastronomía, teatro, verbena e a tradicional saída do Oso, auténtico aglutinador dun público cada vez máis numeroso e heteroxéneo. Así, os produtos do Entroido serán os protagonistas dunha degustación os días 19 e 20 de febreiro, previa reserva nos establecementos Cantina Xulia e A Salanova. Ademáis, o luns 20 de febreiro ás 21 horas celebrarase a cea popular, xusto antes da verbena. Pola súa parte, haberá representacións teatrais o sábado 19 e o domingo 20 no local Multiusos da Asociación de Salcedo ás 22 horas. Ademáis, o martes 21 de febreiro haberá unha sesión de teatro infantil ás 18 horas, a cargo do grupo Monart. A venda e reserva de entradas das diferentes representacións estarán dispoñibles para os non socios nos locales de hostalería de Salcedo.

O Oso de Salcedo segue a ser a máis singular das celebracións do Entroido na comarca de Lemos. Arquivo EC.

VERBENAS E BAILES

A música estará presente os catro días de Entroido. Así, o sábado 19 unha disco móbil animará a velada a partires da medianoite. Xa o domingo, ás 20 horas haberá un baile amenizado pola orquestra Charleston Big Band e o dúo Sabor Latino, que serán tamén os encargados de animar a verbena a partir da medianoite. O luns terá lugar un baile, trala cea popular, coas orquestras Gran Parada e Jerusalén. Para rematar o Entroido celebrarase a partir das 20 horas unha chocolatada, coa actuación da orquestra Sintonía de Vigo.

OSO E MADAMAS

Pero a celebración máis singular do Entroido na comarca de Lemos é a saía do Oso de Salcedo, prevista para o luns ás 17 horas. Xa o domingo, sairán as Madamas e Danzantes ás 18 horas, acompañados polo grupo Aires da Poxa, que repetirán o seu desfile o martes 21 de febreiro á mesma hora.

DESFILE E PINCHOS EN BROLLÓN

Pola súa parte, en A Pobra do Brollón estanse a organizar os venres previos ao Entroido un obradoiro infantil de disfraces, caretas e antefaces. O desfile de disfraces, comparsas e carrozas sairá o sábado 18 de febreiro ás 17 horas dende o cruce da estrada de Saa. Haberá premios para disfraces e comparsas do concello e de fóra do concello, en varias categorías. Ao remate do desfile, haberá uns pinchos na Casa da Cultura para todos os participantes.

Sober celebrará o VI Baile da Cachucha

O xoves de Compadres encheu a praza do concello de Sober e o entorno do local social de Anllo desta tradicional creación de Entroido, que segue a cultivarse con esmero neste municipio. Ademais da próxima celebración do xoves de Comadres, o Domingo Corredoiro centrará a programación do Entroido soberino, na tradicional saída dos veciños de Anllo con Maragatos e Bonitos por diversas parroquias, e achegaranse tamén á feira mensual da vila capitalina. Asimesmo, na fin de semana do Entroido celebrarase o VI Baile da Cachucha. Ese mesmo día ás cinco da tarde terá lugar o desfile da Gran Comparse polas rúas de Sober, para seguir co baile de disfraces e a degustación gratuita de cachucha e viño de Amandi.

1.300 euros en premios en Saviñao, e gran programa infantil

As bibliotecas de Currelos e Escairón veñen de celebrar obradoiros infantís de creación de Compadres e Comadres. Os pequenos están de noraboa coa programación deste ano do Entroido en O Saviñao, xa que o sábado 18 ás 17 horas no Auditorio municipal haberá un obradoiro de maquillaxe, e tamén no Auditorio o domingo 19 ás 17 horas terá lugar unha festa infantil de disfraces con cotillón e chocolatada. Pola súa parte, o martes 21 celebrarase o desfile de comparsas na Praza de España de Escairón, que se concentrarán ás 16,30 horas na rúa Amando Losada, e tralo desfile, a partir das 18,15 haberá unha pancetada e chocolatada gratuitas amenizada por un grupo musical, para rematar coa entrega de premios, que este ano suman un total de 1.300 euros. O venres 24 haberá un contacontos da igualdade na Biblioteca de Escairón.

Domingo de Entroido en Pantón

O domingo de Entroido, 19 de febreiro, Pantón celebrará o tradicional Desfile e Concurso de Disfraces que encherá de festa as rúas da vila dende o colexio público Monte Baliño ata a praza do Concello e a partir das cinco da tarde. Haberá premios para infantís e para adultos e os grupos de máis de 10 compoñentes teñen unha axuda de 60 euros asegurada, así coma os que leven unha carroza. Este concurso e desfile está aberto tamén a participantes doutros concellos. As inscricións poden facerse deica o 17 de febreiro no edificio sociocultural de Pantón. Os menores recibirán os premios en forma de agasallos e non en cartos, ofrecerase unha chocolatada de balde mentres se celebra o habitual baile posterior ao desfile.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O consenso presidiu o último pleno no consistorio de Chantada

Seguinte Nova

Entender a tradición para recuperar a identidade

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: