A ONCE premia á Área de Cultura provincial polo seu traballo a prol da accesibilidade

No acto de entrega do premio, o delegado de Cultura da Deputación anunciou que seguirá a fomentar actividades que favorezan a integración de discapacitados na Rede Museística

A Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo resultou premiada nos V Premios Solidarios ONCE en Galicia. Esta organización valorou o traballo global de accesibilidade levado a cabo na Rede Museística Provincial de Lugo na categoría de Accesibilidade Universal, destacando o programa institucional inclusivo “Pelexar polo posible, loitar polo invisible”, que se desenvolve como unha acción global desde 2008 na Rede Museística Provincial de Lugo, que aglutina aos Museo de Lugo, do Mar (San Cibrao), de Tor (Monforte) e á Fortaleza San Paio de Narla (Friol). A xuízo do xurado, o traballo desenvolvido pola Rede Museística denota unha “importante sensibilización e esforzo ao pór en marcha un paquete integral de actuacións de accesibilidade universal en lugares emblemáticos”, como son os edificios que albergan os museos, ao mesmo tempo que “normalizou eficazmente a participación do colectivo de persoas con discapacidade en todas as actividades programadas, así como na propia inclusión como traballadores dos museos”.

Representantes institucionais e da organización ONCE posan xunto cos responsables das entidades galardoadas nos V Premios Solidarios ONCE en Galicia. GPD.

“ACHEGAR A CULTURA A TODAS AS PERSOAS” E ACADAR TAMÉN A INTEGRACIÓN LABORAL

Mario Outeiro, delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, foi o encargado de recoller este premio. Na súa intervención, Outeiro felicitou “ao departamento de capacidades diferentes da Rede Museística polo seu traballo destes anos a prol da accesibilidade global, porque é o noso traballo desde a Área de Cultura da Deputación tratar de achegar a cultura a todas as persoas”. Pola súa parte, a xerente da Rede Museística, Encarna Lago, recordou a obriga das entidades públicas de “facer chegar os nosos servizos a todo o mundo”, e ademais de eliminar barreiras arquitectónicas, a Rede Museística loitou para ofrecer aos discapacitados “unha integración no mundo laboral”. Neste sentido, a Rede Museística Provincial de Lugo solicitou a modificación da Relación de Postos de Traballo da Deputación de Lugo para incorporar a creación dun novo departamento que prestase unha atención específica á diversidade. Así, creouse o Departamento de Capacidades Diferentes e Discapacidade adscrito á Xerencia da Rede Museística en 2008. Nese mesmo ano, a Área de Cultura da Deputación aprobou o plan integral de reformas e obras do Museo Provincial de Lugo, no que se contemplaba o plan estratéxico de accesibilidade.

COMPROMISO PARA SEGUIR COAS MELLORAS

Asimesmo, Mario Outeiro anunciou que desde a Área de Cultura hai un compromiso activo para seguir mellorando en accesibilidade coa eliminación de barreiras, e en seguir levando a cabo actividades que faciliten a integración de persoas discapacitadas, como por exemplo, un curso de fotografía dirixido a persoas cegas que se levará a cabo proximamente.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Presentadas as bases do programa “Musiqueando pola provincia de Lugo”

Seguinte Nova

A segunda edición do Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior tramitou xa máis de 600 solicitudes

Últimas noticias sobre CULTURA

     
A %d blogueros les gusta esto: