Entender a tradición para recuperar a identidade

A asociación cultural soberina O Colado do Vento recollerá nun novo libro todo tipo de saberes transmitidos de xeito oral nas parroquias de Sober

S.Veiga

Visita e concerto na Cova das Choias, ano 2010. (Foto: Alfonso Campos)

Coñecemento e divulgación de todos os aspectos do patrimonio desta terra son os obxectivos polos que traballa a asociación cultural O Colado do Vento. Dende Sober, están a realizar unha importante laboura de recopilación de materiais da cultura oral tradicional, que proximamente se concretará no terceiro volume do traballo “Un pouquiño de tradición oral de Sober”. Esforzo e ilusión polo espíritu e cultura dun pobo que, de xeito xeneroso, xa lles está a recoñecer esta laboura: os dous volumes anteriores deste libro son os máis solicitados na Biblioteca de Sober e, incluso, o primeiro volume xa está esgotado.

“APRENDER MUTUAMENTE”

Porque o interese polas lendas, contos, refráns, cantigas, feitos e todo saber transmitido pola tradición oral nas parroquias de Sober non é só de interés para os estudiosos, senón que forman parte da esencia dun pobo. As xentes son as que contan as historias, as que recordan, e neste contacto directo entre narrador e recopilador “se aprende mutuamente”. “Sempre procuramos que as persoas que gardaron este patrimonio, sexa de carácter oral, arqueolóxico ou etnográfico, se acheguen a el con nós”, explica Paula Vázquez Verao, secretaria da asociación O Colado do Vento. Este singular modus operandi está determinado polo obxectivo deste colectivo, que trata “de non ver os nosos elementos patrimoniais e as nosas tradicións coma meros espectadores, senón que procuramos entender o seu significado e tomalos coma algo vivo que sirva para coñecérmonos mellor e vivir ben no noso entorno”. Unha simbiose entre pasado e futuro que enriquece a ambas partes, xa que “nós, a través de socios e socias que son expertos en arqueoloxía ou historia, podemos ensinarlles a explicación científica, por exemplo, das mámoas, dos castros, etc, pero as xentes que coñecen o seu propio territorio tamén nos aportan a nós o seu saber”, explica Paula Vázquez.

Un momento do Roteiro á Luz da Lúa, ano 2011. (Foto: José María Lago)

TRABALLO COLECTIVO DENTRO E FÓRA DA ASOCIACIÓN

Esta rigurosidade aplícase tamén no detalle dos traballos para este novo libro. Aínda que sempre atopan ocasión e materiais para asumir un novo traballo en papel, a concreción das tarefas para a preparación deste terceiro volumen arrincou o pasado novembro, e está previsto que rematen ao longo deste mes de febreiro. Cun traballo conxunto de recopilación de varios dos asociados, e coa inestimable colaboración de numerosas persoas alleas a este colectivo, Alfonso Campos, un dos membros de O Colado do Vento, foi quen de xuntar o maior volume de materiais, que entrega a outro dos asociados, José María Lago, para proceder á maquetación e edición do libriño. O resultado se complementa coa aportación gráfica de Javier Vivirido, a través do deseño de mapas que localicen xeográficamente cada lenda ou tradición.

Visita por Parada de Sil, coñecendo a necrópole de San Lourenzo, ano 2011. (Foto: José María Lago)

INQUEDANZA CULTURAL CON BOA ACOLLIDA MÁIS ALÓ DE SOBER

A actividade da asociación O Colado do Vento remóntase a 2008, cando se constituiu formalmente cunha ducia de asociados, aínda que as súas inquedanzas viñan de tempo atrás. Con 50 membros na actualidade, son moitas as persoas alleas á asociación que participan nos seus proxectos e iniciativas ao longo de Sober e do “país ribeirao” contiguo e comarca de Lemos, aínda que, como indica a secretaria da asociación, “tamén nos achegamos a outras zonas de Galicia, coma a comarca da Ulloa ou ao río Loio, contactando con xente que teña os nosos mesmos interese”. Unha liña de traballo que aporta “o maior coñecemento da nosa historia e territorio, así coma unha toma de conciencia nas xentes sobre o noso pasado”, explica Paula Vázquez, e que vai máis aló do eido cultural. “Cremos que o noso labor é produtivo en varios aspectos; por un lado, os oficios e prácticas tradicionais que recollemos (por exemplo, as vitícolas ou de horta) poden servir para recuperar estas técnicas en iniciativas agrícolas, ou que a divulgación do patrimonio axuda a atraer un tipo de turismo consciente e non agresivo co medio. Por outra parte, aportamos material didáctico e espazos de relación social non mercantilizados”, apunta Paula Vázquez. Visitas arqueolóxicas, roteiros naturais, recopilación da tradición oral, divulgación a través de libros e conferencias, recollida de prácticas vitícolas tradicionais… todo iso e moito máis para “entendernos mellor e vivir ben no noso entorno”. “Precisamos que se entenda que somos unha comarca que non desenvolve as súas potencialidades no eido agrícola e cultural, e precisamos organizarnos para vivir ben nesta zona, conservando o noso medio ambiental e patrimonial”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A comarca de Lemos prepara os días grandes do Entroido

Seguinte Nova

Club Lemos: un club con historia audiovisual

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio

Don't Miss