Estar en Internet para buscar traballo e potenciar a nosa empresa

Internet pode ser un gran aliado na procura de emprego para quen habitualmente se manexa coas novas ferramentas, pero tamén para os que por primeira vez se enfrontan a unha nova situación de desemprego e nunca tomaran contacto coas novas tecnoloxías con este obxectivo. O centro In Lugo, da Deputación, impulsou a finais de xaneiro unha actividade formativa encamiñada a coñecer as posibilidades das redes sociais ou os blogs para fins profesionais. Como gran exemplo está Linkedin, a nova rede destinada precisamente aos perfís profesionais, e que conta actualmente con 42 millóns de usuarios de máis de 200 países e de 170 sectores. Importantes empresas e multinacionais de diversos sectores forman parte deste espazo e buscan nel novos profesionais. Segundo unha enquisa realizada a directores españois de Recursos Humanos, o 64% destes profesionais consultan o perfil dos candidatos nas redes sociais antes das entrevistas laborais, e un 30% descartan a aquelas persoas que non teñen presenza neste tipo de redes ou cun perfil pobre nelas, segundo os datos facilitados dende o Centro de Innovación Social In Lugo.

Asistentes a unha das primeiras actividades formativas do In Lugo en 2012. G.DP

“INTERCAMBIAR COÑECEMENTOS CON PROFESIONAIS DO MEU SECTOR”

Para Jose Luís Loureiro, autónomo do sector da hostaleiría en Láncara, actualmente no paro, este curso está a servir, segundo indica, como un complemento formativo importantísimo para enfrontarse á procura de emprego. O seu primeiro contacto con tweeter, facebook ou a posibilidade de aprender a facer un blog foron experiencias que lle permitirán, tal e como destaca, “intercambiar coñecementos e opinións con profesionais do meu sector e coñecer as posibilidades que teño se volvo a emprender un negocio, agora sei que debería ter presenza en internet”, apunta. Se algo critica deste curso é que non tivera máis horas para a formación e a aprendizaxe. “Na miña casa hai ordenadores dende hai moito tempo, polas miñas fillas, pero para min son un mundo que acabo de descubrir”, sinala. Este hostaleiro vese agora “cunha nova fiestra aberta ao mundo profesional”, e está na procura de máis iniciativas para complementar a súa formación informática e na rede e acceder novamente e máis preparado ao mercado laboral. Nas xornadas formativas sobre a busca de emprego en Internet os participantes coñeceron como definir a súa propia estratexia dixital, o seu potencial profesional, ou como analizar o mercado laboral na rede.

A REDE E AS OPORTUNIDADES PARA AS PEMES

Nestes días, o In Lugo está a impulsar un novo seminario, denominado Community Management para PEMES, que se prolongará todos os venres deica o 24 de febreiro. Jesús Núñez Ferreiro, tamén funcionario e residente no sur de Lugo e alumno deste seminario, opina que está a ser unha experiencia moi positiva o feito de poñerse en contacto coas novas posibilidades e cos imperativos das novas tecnoloxías. Destaca a aprendizaxe á hora de elaborar un blog, un recurso que pode potenciar a actividade dunha pequena empresa, pero tamén as novas posibilidades á hora da xestión dun negocio, como pode ser a implantación da sinatura dixital, que permite facilidades en moitas tarefas do día a día. Subir arquivos, información, fotografías ou calquera outro material á rede ou realizar un seguimento a través de tweeter son algúns dos aspectos novos para Jesús, quen destaca que é preciso aproveitar ao máximo esta actividade formativa e gratuíta, o que tamén obriga a poñer todos os sentidos e “facer os deberes na casa”. Trátase de cinco sesións totalmente prácticas nas que se amosa ás pequenas e medianas empresas como obter unha correcta presenza en Internet, co fin de ampliar e mellorar a comunicación cos clientes dun xeito máis directo, pero tamén incrementar beneficios.

CENTRO DE INNOVACIÓN SOCIAL

O Centro de Innovación Social (In Lugo), dependente da Deputación provincial, é a sede de todas estas actividades. Nestas dúas iniciativas participaron un total de 50 persoas, pero foron máis de 1.300 as que se beneficiarios de xeito gratuíto nas accións formativas organizadas polo CIS o pasado ano. O deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val, explicou que esta nova andaina do Centro de Innovación Social ofrece unhas actividades totalmente gratuítas que teñen como obxectivo potenciar a inserción laboral e a competitividade e produtividade das PEMES da provincia aproveitando as posibilidades das novas tecnoloxías. Neste 2012, o In Lugo inicia unha nova andaina, na que, de ser xestionado directamente dende a Deputación, pasa a depender da Fundación TIC co fin de aforrar recursos e crear sinerxias. Contará cun orzamento global de 1,6 millóns de euros procedentes do Innova-TE2, o programa tecnolóxico do organismo provincial que, dotado con 15 millóns de euros, está financiado ó 70% pola Unión Europea. O In Lugo atópase na segunda planta da Escola de Imaxe e Son (EIS) da Fundación TIC, sede da meirande parte das accións formativas e seminarios.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Entroido Ribeirao: A festa dentro e fóra da aldea

Seguinte Nova

O consenso presidiu o último pleno no consistorio de Chantada

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: