O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, e a concelleira de Cultura e Servizos Sociais, Pilar López, xunto coa coordinadora dos servizos sociais municipais, Belén Gómez, reuníronse con representantes de Cáritas, do CCU e das grandes superficies comerciais de Monforte. O obxectivo era atopar vías de colaboración entre o sector privado e Cáritas para achegar alimentos aos colectivos e familias máis desfavorecidos do municipio.
Á reunión asistiron representantes de Cáritas, do CCU e de Gadis, excusando a súa ausencia por compromisos profesionais o representante de Mercadona. O CCU comprometeuse a falar cos 143 asociados para iniciar unha campaña de recollida de produtos non perecedeiros nos comercios que queiran participar. O Concello encargarase de recoller este produtos e de trasladalos ás instalacións de Cáritas. O CCU tamén informará sobre a maneira de poder contribuír con donacións económicas a Cáritas.
Cáritas alertou da urxente necesidade de alimentos como leite, galletas, azucre e aceite. O xerente de Gadis comprometeuse a realizar xestións coa súa empresa para lograr a cesión dun lote de leite e de galletas. Os responsables de Mercadona serán informados das peticións feitas para decidir como colaborar.