O consenso presidiu o último pleno no consistorio de Chantada

O Concello de Chantada dará os primeiros pasos para crear un regulamento encamiñado a permitir e canalizar mellor a participación cidadá na vida política e nas decisións locais. Para isto, crearase unha comisión que estará formada por todos os grupos da corporación e, posiblemente, por entidades sociais representativas do municipio. Os catro grupos municipais estiveron de acordo con esta proposta en forma de moción presentada polo BNG no pleno ordinario celebrado o 6 de febrero. As vías de canalización desta participación están por decidir, pero sobre a mesa deixáronse múltiples posibilidades abertas como a regulación do nomeamento de pedáneos, a instalación dun buzón para propostas dos cidadáns, ou o mantemento de reunións periódicas coas asociacións veciñais. A mesma comisión sería, por outra parte, a encargada de concretar outra das mocións do BNG levadas ao pleno e encamiñada á promoción do emprego na vila, á publicidade do polígono e á transparencia nas contratacións públicas. Unha proposta que tamén foi apoiada co compromiso de INTA, PP, BNG e PSOE de reunirse antes da vindeira sesión plenaria.

ARRANXO DE PISTAS PRIORITARIAS NO RURAL

O grupo máis activo na presentación de propostas neste pleno foi o Partido Popular, cun total de 6 propostas. O pleno acordou tamén por unanimidade que o Concello propoña incluír no PEIM Rural, cunha dotación duns 93.000 euros e cuxa solicitude xa foi remitida, unha corrección para que se inclúa o acondicionamento de tres vías. O voceiro do PP de Chantada, Ramón Fernández Reinoso, denunciou o estado lamentable destas pistas e a urxencia da súa mellora, xa que se trata de zonas habitadas e con bastante tránsito. Trátase da pista de Formariz, a de Santa Rosa (Sabadelle) e a travesía de Muradelle. O alcalde, Manuel Varela, manifestou o compromiso de arranxalas a través dos servizos do propio Concello no caso de non ser aceptadas dentro da proposta do PEIM xa remitida e na que se incluíra a mellora dos viais que comunican Veiga con Rabelas, Rabelas con Podente, Surribas con Quinzán do Carballo e Limiñón coa comarcal 553.

A nova interventora municipal, á dereita, María Cristina González Santín, foi nomeada no pleno. EC

COIDADO DO PASEO FLUVIAL, SEGURIDADE VIARIA E TURISMO

O coidado do paseo fluvial do Asma foi outro dos puntos que acadou un total acordo dos membros da corporación. O populares chantadinos solicitaban noutra das súas mocións o mantemento da carpintería existente na zona. A pesares de que se aceptou, o goberno local, por boca do tenente de alcalde, Castor Nóvoa, manifestou as súas reservas sobre o senso da moción lembrando un por un todos os traballos realizados en prol do bo mantemento deste paseo tan concorrido polos chantadinos para desenvolver actividades de lecer. A sesión sacou a relucir proxectos pendentes, como o que permitirá a ampliación desta área na zona das piscinas creando unha zona verde e recreativa, unha idea que se levaría a cabo a través do programa Leader. Por outro lado, e tamén a petición do PP, o Concello de Chantada remitirá á Consellería de Medio Ambiente unha solicitude para que se sinalice a presenza de animais salvaxes dende o punto quilométrico 32 ata o 38 do corredor galego 2.1 en sentido Lalín. Neste tramo prodúcense habitualmente sinistros por ser zona de paso destes animais, que destrozaron a valla que protexe o vial. E precisamente a reposición da estructura metálica é outra petición que engadiu o voceiro socialista José Manuel Ledo durante o debate, como complemento a esa sinalización. A creación da Empresa Provincial de Turismo que impulsará a Deputación de Lugo tamén chegou ao debate chantadino grazas á aprobación, tamén por unanimidade, dunha moción dos populares para instar a este organismo a que a sede desta entidade por constituír estea en Chantada.

FRAGA TAMÉN TERÁ UNHA RÚA EN CHANTADA

Pouco despois do pasamento do que fora presidente da Xunta, Manuel Fraga, o Partido Popular está a introducir mocións en varios municipios para dedicar unha rúa ou elemento urbano ou arquitectónico ao fundador do partido. Despois do polémico debate xerado en Monforte a partir da mesma decisión plenaria, Chantada tamén contará cunha rúa adicada a Fraga grazas ao apoio do grupo do rexedor Manuel Varela. Pero na vila do Asma haberá que agardar a unha rúa de nova creación para poñerlle o nome de quen Varela calificou como “pai da Constitución”, e do que destacou o respecto que tiña polos alcaldes, entre outros aspectos. BNG e PSOE opuxéronse rotundamente a esta decisión considerando que se trata “dunha cuestión política, non de respecto institucional”, apuntou Ildefonso Piñeiro, e dun acordo que “fomentará división entre os veciños”, segundo apuntou Ledo dende o grupo socialista.

RECOLLIDA SELECTIVA DO LIXO

Sen dúbida, un dos puntos que suscitou maior debate nun pleno activo e con moitas propostas, foi a moción, tamén rexistrada polos populares, para que o goberno local inicie as prospeccións encamiñadas a detectar as empresas que poidan prestar un mellor servizo que a actual adxudicataria, tendo en conta que en pouco tempo toca renovar a concesión. Os populares chantadinos sosteñen que a empresa que realiza agora este servizo está a incumplir moitas das súas obrigas de recollida no rural, sobre todo no que se refire á recollida de material e ao funcionamento do punto limpo. Segundo os datos achegados polos populares, o Concello de Chantada pagou no último ano 172.379 euros pola recollida de 3.340 toneladas de lixo doméstico, que suporía un custo anual de 100 euros por familia e que se terían aforrado en grande medida se se reciclara unha terceira parte do lixo xerado. A moción quedou sobre a mesa ao non ser apoiada polo grupo de goberno e tampouco por PSOE e BNG ao considerar válido o seu sentido nalgúns aspectos, pero non a súa forma. A corporación acordou como mellor solución a de debater nunha reunión de voceiros as fórmulas para introducir melloras para o axeitado cumprimento do servizo no que se refire á reciclaxe e ás campañas de concienciación á hora de redactar as bases para a inminente nova concesión.

PROMOCIÓN DA RECICLAXE DO LIXO

O goberno local amosou un certo desacordo con algunhas das queixas dos populares, e lembrou as campañas informativas e de concienciación que se están a impulsar precisamente estes días en colaboración con SOGAMA en prol da reciclaxe. Pola súa banda, os voceiros de BNG e PSOE aproveitaron para cuestionar as políticas actuais de xestión do lixo por parte da Xunta e Sogama, que segundo a súa visión estarían a fomentar a incineración e a abandonar as directrices obrigatorias na cuestión da reciclaxe.

UNHA CONTA SOLIDARIA CO FOGAR GARABELOS

Pero unha sesión plenaria tamén pode ter acordos ben humanos e solidarios, como foi o de abrir unha conta para axudar á parella de Garabelos (Mariz) á que un incendio destruiu por completo o seu fogar. Os fondos que os cidadáns queiran achegar sumaránse aos que os concelleiros da corporación chantadina xa cederon da súa retribución plenaria, 150 por concelleiro, e que servirán para axudar a reconstruír a vivenda.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Estar en Internet para buscar traballo e potenciar a nosa empresa

Seguinte Nova

A comarca de Lemos prepara os días grandes do Entroido

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

     
A %d blogueros les gusta esto: