A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, anunciou que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá preto de 30.000 euros na reforma e mellora do parque infantil do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Novo de Monforte de Lemos (Colexio Novo).
FOSO DE AREA, ZONA DE CÉSPED E ESPAZO EN CAUCHO
Arias fixo este anuncio durante a visita realizada ao centro monfortino, que conta nas súas aulas con preto de 270 alumnos. Arias, que estivo acompañada polo xefe territorial de Educación, José Ramos Ledo, indicou que a mediados de febreiro realizouse a adxudicación da obra por un montante total de 27.400 euros. O proxecto de execución contempla a adaptación do parque infantil, realizando un foso de area, unha zona acotada de céspede, outra plataforma de cemento pulido e unha zona habilitada en materiais de caucho na que se ubicarán diversos aparatos de xogos.
PRETO DUN MILLÓN DE EUROS INVESTIDOS POLA XUNTA NOS CENTROS PÚBLICOS MONFORTINOS
A máxima representante do Executivo galego na provincia fixo fincapé “na vontade do Executivo autonómico para mellorar as dotacións dos centros educativos de Monforte e de toda a zona sur da provincia, nos que está a formalizar un importante compromiso económico”. Neste sentido, para o caso concreto do municipio de Monforte, Arias indicou que o actual Goberno autonómico “leva investido ata o momento preto dun millón de euros na reforma e modernización dos centros educativos públicos deste concello”.
“OPTIMIZACIÓN DOS RECURSOS PÚBLICOS”
A delegada territorial asegurou que dende o Executivo autonómico se seguirá traballando para que “a oferta educativa pública na provincia sexa o máis completa posible, é para iso trabállase para dotar aos centros do equipamento necesario, optimizando os recursos públicos”. Este proxecto de mellora no CEIP Novo de Monforte conta cun prazo de execución previsto de arredor dun mes. Asimesmo, prevese que esta actuación se leve a cabo nun período que permita que as instalacións estean completamente dispostas para o uso ao inicio do vindeiro curso.
SUSTITUCIÓN INTEGRAL DA CUBERTA DA ESCOLA INFANTIL DE SARRIA
Asimesmo, a Consellería de Educación realizará nos próximos meses obras de reforma nas instalacións da Escola de Educación Infantil (EEI) de Sarria, que consistirán na substitución integral da cuberta do edificio. Raquel Arias indicou que o orzamento previsto para esta actuación rolda os 30.000 euros.