A 1ª Copa Deputación de Lugo de Fútbol Base disputarase en xuño entre Lugo, Viveiro e Monforte

O prazo de inscripción remata o 16 de marzo

A finais do mes de febreiro presentouse o proxecto de organización para a 1ª Copa Deputación de Lugo de Fútbol Base, unha competición promovida e financiada, na súa totalidade, pola Área de Deporte da Deputación. Durante a presentación deste evento, o vicepresidente primeiro do organismo provincial e responsable das Áreas de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, explicou que a 1ª Copa Deputación de Lugo de Fútbol Base “vai xuntar a máis de 3.000 rapaces e rapazas deportistas e ás súas familias en tres fins de semana de xuño, algo que vai repercutir moi positivamente na economía do comercio e a hostalaría das vilas nas que se dispute a competición”.

Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación de Lugo, e Mario Outeiro, delegado de Cultura e Deporte, na presentación da 1ª Copa Deputación de Lugo de Fútbol Base. GPDL.

LUGO, VIVEIRO E MONFORTE, SEDES POR CATEGORÍAS

Segundo explicou Veiga, en Lugo disputarán a competición as categorías xuvenil, alevín e benxamín, os días 2 e 3 de xuño, cunha participación estimada de 1.000 rapaces, “que xunto ás súas familias podemos estar a falar de 3.000 persoas arredor da competición”. Pola súa banda, os equipos lucenses de categoría infantil, competirán en Viveiro o 9 e 10 de xuño, cunha presenza estimada de entre 750 e 1.000 futbolistas, mentre que os equipos lucenses da categoría cadete disputarán esta 1ª Copa Deputación de Lugo de Fútbol Base o 16 e 17 de xuño en Monforte de Lemos, evento para o que se espera unha participación de entre 750 e 1.000 persoas.

TODOS OS GASTOS CUBERTOS

Os responsables provinciais de Deporte lembraron que os custes de desprazamento, manutención e aloxamento para aqueles equipos que se teñan que desprazar estarán sufragados pola Deputación de Lugo, ademais de todos os gastos propios da competición como arbitraxes e materiais. Nesta liña, Antonio Veiga puntualizou que “é un aliciente para os equipos saber que teñen todos os gastos cubertos”, dado que que os equipos que deban desprazarse máis de 15 quilómetros desde a súa orixe ao punto de competición terán sufragados os gastos de desprazamento, así como o aloxamento e a manutención para os equipos que deban desprazarse máis de 70 quilómetros. Asimesmo, Veiga explicou que cada xogador recibirá un agasallo pola súa participación, ademais dos correspondentes trofeos aos 4 equipos finalistas de cada categoría.

FOMENTO DO TURISMO A TRAVÉS DO DEPORTE

O prazo para inscribirse na proba remata o 16 de marzo, e poderá tramitarse a través do correo electrónico deporte@deputacionlugo.org. Para dudas ou consultas, están habilitados os teléfonos 647 907 821 ou 630 078 398. Pola súa banda, Mario Outeiro, delegado de Cultura e Turismo, afirmou que “turismo e deporte están máis ligados que nunca nesta 1ª Copa Deputación de Lugo de Fútbol Base, xa que ao desprazar e xuntar tantos nenos e nenas e ás súas familias unha fin de semana vai ter repercusións positivas no plano deportivo e socializador, no sector hostaleiro da zona e no comercio local, cunha clara repercusión económica nesta competición”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Xunta leva investidos 800.000 euros en dotacións rurais na comarca de Chantada

Seguinte Nova

Os tres concelleiros chantadinos abandonan o BNG, pero non a corporación local

Últimas noticias sobre DEPORTES

A %d blogueros les gusta esto: