Resolución de dúbidas sobre prezos da enerxía ou do mantemento, e información sobre axudas e subvencións no eido enerxético
A Consellería de Economía e Industria a través do Inega (Instituto Enerxético de Galicia) porá en marchar proximamente un servizo de asesoría enerxética para os concellos co obxectivo de facilitar a toma de decisións relacionadas co consumo eléctrico, contribuíndo á potenciación do aforro e a eficiencia enerxética.
ATENCIÓN CENTRALIZADA SOBRE ASPECTOS DE CONSUMO ENERXÉTICO
Segundo informaron os responsables do Inega, a través deste servizo específico centralizarase a atención que se ofrece aos municipios para que poidan resolver e aclarar as dúbidas que lles xorden en campos como a contratación da electricidade no mercado libre, os prezos a pagar pola enerxía ou a modernización do mantemento. Tamén poderán obter información sobre empresas de servizos enerxéticos (empresas que proporcionan servizos enerxéticos ou de mellora da eficiencia enerxética amortizando ditos servizos en función dos beneficios obtidos das melloras na eficiencia enerxética).
INFORMACIÓN SOBRE AS AXUDAS PARA O AFORRO ENERXÉTICO
Asimesmo, o servizo permitirá que os concellos poidan consultar as múltiples liñas de axuda que o Inega pon cada ano á súa disposición. Neste sentido, a través destas liñas o Inega leva concedidos no último ano máis de 3,6 millóns de euros para que os municipios realicen auditorías enerxéticas, renoven as instalacións de iluminación pública exterior por outras máis eficientes, aborden estudos de viabilidade para a elaboración de plans de mobilidade urbana sostible, ou aposten polas enerxías renovables nas súas instalacións.
APLICACIÓN INFORMÁTICA PARA CÁLCULO DE TARIFAS
Esta asesoría específica para concellos complementará á ferramenta informática de cálculo das tarifas eléctricas na que está a traballar tamén o Inega, e que estará a disposición dos concellos nas vindeiras semanas. A través desta aplicación, os municipios poderán consultar a idoneidade da potencia contratada, comprobar a coherencia dos consumos en función do tipo de subministro, ou estudar a conveniencia de optar pola discriminación horaria. Os resultados obtidos poderán ser cotexados neste novo servizo de asesoría enerxética, resolvendo as dúbidas cos técnicos do Inega empregados na mesma.
NOVA CALDEIRA NUN EDIFICIO PÚBLICO DE SARRIA
Dentro desta estratexia de fomento do aforro enerxético, o Inega ven de apoiar a instalación dunha nova caldeira de biomasa na Residencia de Maiores Nosa Señora Do Carmen en Sarria. O proxecto, desenvolvido a través da convocatoria especial para caldeiras de biomasa en edificios de administracións públicas posta en marcha polo Inega, permitirá ao concello sarriano acadar un aforro anual de 22.000 euros no consumo de gasóleo. O Inega financiou o 20% do custo do proxecto. A caldeira aporta ao complexo unha solución integral ao permitir calefactar o edificio e xerar auga quente sanitaria a través da biomasa, o que supón un aforro de 450 MWh ao ano en combustibles fósiles. Esta actuación terá un custo cero para o concello de Sarria, xa que se desenvolveu a través dunha empresa de servizos enerxéticos (ESE). Estas organizacións proporcionan o servizo sen custo inicial para o usuario, baseando o pago dos mesmos nos aforros de enerxía obtidos a través da nova instalación.
Formación en eficiencia enerxética e sostibilidade para profesionais da construcción e o deseño
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, participou na apertura do curso Eficiencia Enerxética e Sostibilidade, unhas xornadas formativas orientadas a mellorar a preparación no eido do aproveitamento enerxético dos profesionais do sector da construción e o deseño de edificación. Estas xornadas, que se celebrarán en Lugo ata o venres 2 de marzo, están promovidas pola Consellería de Economía e Industria a través do Inega, en colaboración co Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación de Lugo.
Este curso conta coa presenza como profesores de especialistas no eido lexislativo, no desenvolvemento de proxectos con enerxías renovables, na instalación de sistemas térmicos e na arquitectura bioclimática. Segundo destacou Raquel Arias na súa intervención, “o obxectivo deste curso de especialización é incrementar a formación dos profesionais da planificación da construción en aras a contar cunha edificación e un urbanismo sostible, adecuado ás circunstancias actuais e que ofreza as posibilidades como para sentar as bases para o desenvolvemento futuro”. Neste sentido, o curso formativo busca tamén actuar para incrementar a perdurabilidade e sostibilidade das construcións civís, facilitando de paso o aproveitamento eficiente de recursos e a protección de espazos naturais, acercando as leis e normativas encadradas en marcos como Plan de Ordenación do Litoral (POL) aos profesionais do sector.