Ata o 23 de marzo poderán solicitarse as axudas provinciais para actividades culturais

Un total de 52 colectivos do sur de Lugo beneficiáronse o ano pasado desta convocatoria de axudas

O pasado día 22 de febreiro, o Boletín Oficial da Provincia publicou as bases da convocatoria das axudas da Área de Cultura da Deputación de Lugo para este ano 2012. A partir do 23 de febreiro, e no prazo dun mes, poderán realizar a tramitación oportuna todas as asociacións culturais e concellos que desexen solicitar axudas en materia de cultura. Os responsables da Área de Cultura provincial sinalaron que este departamento destinará preto de 600.000 euros para estas accións. Segundo informaron Antonio Veiga, vicepresidente primeiro da Deputación, e Mario Outeiro, delegado de Cultura do organismo provincial, o ano pasado beneficiáronse desta convocatoria de axudas un total de 52 colectivos culturais da zona sur de Lugo, o que supuxo unha concesión económica de 57.700 euros. O importe total das axudas acadará os 590.000 euros, dos cales 430.000, unha parte “importantísima”, segundo destacou Antonio Veiga, estarán dirixidos a apoiar “o asociacionismo cultural das nosas comarcas, que son o auténtico xerme e motor da nosa cultura como galegos e galegas”. O vicepresidente primeiro da Deputación asegurou que “neste 2012 as asociacións e colectivos culturais lucenses volven a contar co noso apoio para o desenvolvemento das súas actividades e programación cultural”. O responsable provincial da Área de Cultura indicou que os 160.000 euros restantes irán destinados aos concellos, dos cales 100.000 euros adicaranse a investimentos e equipamentos para mellora das instalacións e pequenos equipamentos, mentres que empregaranse 60.000 euros en gastos correntes para sufragar a elaboración de actividades de carácter puntual e anual.

Antonio Veiga, vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, e Mario Outeiro, delegado de Cultura, durante a presentación da liña de axudas. GPDL.

IMPORTES MÁXIMOS SEGÚN A FRECUENCIA DA ACTIVIDADE E O BENEFICIARIO

Dos 430.000 euros destinados a entidades culturais, os colectivos poderán solicitar dous tipos de axudas, segundo o carácter puntual ou anual da actividade. A axuda máxima por cada colectivo para a realización dun evento cultural será de 6.000 euros, mentres que para a actividade anual será de 8.000 euros. As axudas para concellos destinadas a investimentos terán un límite de 6.000 euros por beneficiario, e as destinadas a adquisición de equipamentos serán dun máximo de 3.000 euros. Por outra banda, para gastos correntes e actividades dos concellos o límite fíxase en 2.500 euros para eventos puntuais, e 5.000 euros para actividades ao longo do ano.

CRÍTICAS Á XUNTA POLOS RECORTES

Antonio Veiga fixo fincapé en que “se seguen mantendo as liñas de axuda para cultura, non como noutras administracións onde este tipo de axudas desaparecen e onde non se fai un esforzo financieiro para manter as axudas para o tecido asociativo”, e insistiu en que “a conta non está só en aforrar, senón saber investir os cartos que son de todos e de todas no benestar das persoas”. O delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, congratulouse pola “celeridade e o bo facer dos traballadores e traballadoras da Área de Cultura, xa que estas axudas saen publicadas en febreiro e resólvense na primavera, co que as asociacións culturais teñen tempo suficiente para programar as súas actividades, algo moi diferente co que ocorre coas convocatorias doutras administracións como a Xunta de Galiza, cando anteriormente desde esta institución se convocaban axudas deste tipo, xa que as eliminou en 2011”.

COMISIÓN DE VALORACIÓN “ABERTA E PLURAL”

Pola súa parte, Mario Outeiro indicou que “tal e como acontece desde a nosa chegada ao Goberno da Deputación, as convocatorias de axudas en concorrencia competitiva réxense por criterios obxectivos e de igualdade, de feito todos os partidos políticos da corporación están representados na Comisión de Valoración, encargada de valorar as axudas, o que demostra que nos atopamos ante unha administración aberta e plural”. Os modelos de solicitude están dispoñibles na páxina web da Vicepresidencia: http://www.v1deputacionlugo.org/axudas.php.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os tres concelleiros chantadinos abandonan o BNG, pero non a corporación local

Seguinte Nova

Presentado aos alcaldes lucenses o Plan Galicia Saudable

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: