Remata un entroido cheo de actividade en Bóveda. A implicación do público infantil foméntase a miúdo dende o centro sociocultural a través de premios á creatividade e orixinalidade nos disfraces. Hai unhas semanas incorporábase ao equipo de cultura a nova técnica de Animación Sociocultural e Xuventude, Miriam Palmón Díaz, quen puxo en marcha novas actividades coma o concurso de postres de entroido, no que participaron once variedades de doces “desde os máis coñecidos, como as orellas ou as filloas, ata outros típicos doutras zonas no entroido, como a vexiga de entroido ou o pantullo”, relata. O domingo de entroido celebrouse no Centro Sociocultural unha festa de entroido na que os asistentes probaron os doces propios desta tempada. Onde hai gastronomía está case sempre garantido o éxito, e a alta participación rexistrada daralle continuidade o vindeiro ano ao concurso de postres, segundo sinalou a responsable das actividades. No que se refire ao baile de disfraces, asistiron arredor de 150 persoas.
ACTIVIDADES DE INVERNO
O entroido rematou, pero continúan en marcha unha serie de actividades iniciadas co ano 2012 e dirixidas tanto ao público infantil como a maiores e adultos. Entre elas están as materias imprescindibles e sobre as que sempre hai algo que aprender como é o inglés e a informática para os nenos, pero tamén hai novidades na oferta como as de cesteiría ou poda e enxertos, materias que parecen implicar unha novidade e unha apertura a outros grupos poboacionais e que responden a unha demanda real dos veciños.Timidamente, esta programación pretende ao mesmo tempo achegarse ás parroquias do rural e non centralizarse na vila de Bóveda. Miriam Palmón indicou que dende a Delegación de Cultura “tentamos manter unha liña de programación iniciada polas anteriores técnicas, pero tamén propoñendo novas actividades que eran demandadas dende había tempo”. Unha delas era a realización do curso de poda e enxertos que comezou o día 24 de febreiro e que conta cunhas 30 persoas, e está organizado en colaboración con Xóvenes Agricultores, con financiación do Fondo Social Europeo e o Ministerio de Medio Rural e Marino. No que se refire ás actividadades clásicas, a programación dalle continuidade ao obradoiro de pintura que se desenvolve en Bóveda e no que participan 8 persoas, e está a piques de escomezar o de cesteiría en Ribas Pequenas. Nesta actividade xa están inscritas unha quincena de persoas.
ACHEGARSE ÁS PARROQUIAS
Un dos eixes da programación, segundo explica Palmón, era “rotar as actividades polas parroquias para que todas as persoas tiveran a oportunidade de participar en diferentes actividades ao longo do ano, e que as persoas das diferentes parroquias se relacionasen entre sí”.
INICIATIVA VECIÑAL
Para a nova técnica de cultura, “Bóveda é un concello moi dinamizado no ámbito sociocultural, non só están as actividades que organizamos dende o Concello, senón que tamén os veciños fan actividades pola súa conta”, apunta. Dende diversos colectivos están en marcha clases de encaixe de bolillos onde varias persoas aprenden a palillar, tamén hai clases de música con instrumentos como a trompeta ou o saxo, ou bailes de salón. Todas estas actividades son organizadas e financiadas polos propios veciños, quen tamén colaboran activamente na organización de grandes citas promovidas polo Concello, como son o Festival das Letras Galegas, a Festa dos Avós ou a Feira Tradicional Outrora, que este ano cumpre a súa décima edición.
NOVIDADES NA PROGRAMACIÓN
Chaman a atención na axenda para este semestre iniciativas coma o obradoiro de memoria que se celebra en Rubián ou o baile “zumba”, que contan con prazas dispoñibles para quen queira apuntarse. No taller de memoria “pretendemos dun xeito lúdico tentar manter ou recuperar a capacidade de recordar”, explica Miriam Palmón. Trátase dunha proposta dirixida a persoas adultas e, especialmente, á terceira idade. Pola súa banda, o baile “zumba” é unha actividade novidosa que mistura baile latino con aerobic e danza do ventre. Esta actividade está dirixida a todos os grupos de idade, “pódese apuntar xente que queira suar a camiseta, non importa a idade para manterse en forma e pasar un rato divertido”, sinala a técnico. Todas as actividades requiren do pago dunha pequena matrícula, cun prezo case simbólico en moitas delas. A crise e as dificultades de finanzamento á hora de desenvolver a programación sociocultural nun pequeno municipio coma este obrigan a facer moitos números. A responsable destas actividades, recentemente incorporada, comenta o seu descoñecemento de como se viñan facendo as cousas ata o momento, pero recoñece que “evidentemente, a época das axudas para todo rematou, pero as subvencións e axudas van saíndo e o esforzo por manter dinamizado o ámbito sociocultural deste pequeno concello faise con fondos propios, imaxinación e colaboración dos veciños”.