Manuel Rossi, o biciperegrino que impulsor da «Caixa dos Desexos», estará o vindeiro 4 de marzo en Sarria para recoller a caixa na que estarán depositados centos de desexos de veciños, peregrinos e visitantes. Será nun acto simbólico que terá lugar arredor das 10.00 horas diante da Casa Consistorial e ao que están convidadas todas aquelas persoas que desexen asistir. Ese día e nese lugar tamén estarán os colaboradores sarrianos de Rossi nesta iniciativa, vinculados a Asociación Amigos do Camiño na Comarca de Sarria. Jorge López é o principal promotor desta idea en Sarria e detalla cómo xurdiu esta reunión de desexos promovida por Manuel Rossi, un peregrino madrileño que realizou en varias ocasións a ruta a Santiago e que o fará de novo a partir do día 2 de marzo, pero á inversa, partindo de Compostela.
DESTINO: SANTIAGO DE UCLÉS
O obxectivo desta peregrinación en sentido contrario é o de ir recollendo en todos os puntos referentes do Camiño Francés as Caixas de Desexos que estiveron abertas dende o pasado mes de xaneiro para facelas chegar a Madrid á súa volta e dende alí ao mosteiro de Uclés, en Cuenca. Neste destino final, e xa nos días 4, 5 e 6 de maio, todos os desexos das persoas que os foron depositando en diversos puntos do Camiño, serán expostos no claustro deste edificio.
PEREGRINACIÓN Á INVERSA
Rossi, gran promotor e pioniera da ruta ou camiño de Madrid a Santiago de Uclés, pasará por todas as localidades do Camiño, e na comarca de Sarria será recibido, ademáis de na capital comarcal, en Portomarín o día 3 ás 12.00 horas. Despois de pernoctar en Barbadelo chegará a Sarria, onde recollerá os desexos das cinco caixas repartidas por varios establecementos. Arredor das 12.30 horas, Rossi será recibido en Samos por artistas do Camiño, corporación local, veciños e polo propio prior, que fará a bendición da Caixa dos Desexos. Posteriormente, chegará no seu periplo en bicicleta a Triacastela, onde tamén será recibido pola alcaldesa. Fará noite no Cebreiro, e o fraile franciscano ocupado da ermida realizará a bendición da saída de Galicia da caixa que alberga os desexos de tantas persoas.
Jorge López, como colaborador desta fermosa iniciativa, destaca a gran ilusión coa que se está a levar a cabo. Ten constancia de que existen moitos desexos depositados nas caixas repartidas por Sarria; desexos de adultos, desexos de maiores e desexos tamén xuvenís e infantís coma os que, por exemplo, os estudantes depositan no bar Joaquín, que se atopa na zona escolar da vila.

GRAN REUNIÓN DE DESEXOS
É posible que Rossi consiga reunir ao longo de toda a súa peregrinación uns 4.000 desexos, xa que a idea tivo unha gran acollida e sábese que xurdiron caixas depositarias en varios pobos espontaneamente. Por outra banda, Jorge López destaca o papel que a difusión mediática cumpriu neste proxecto. Deica o día 4 os que o desexen aínda poden facer chegar os seus desexos a través das caixas repartidas en establecementos de Sarria e a comarca.