Lugo Reacciona: Manual para atallar o drama do despoboamento

Frear a sangría demográfica da provincia non debe ser unha opción, senón unha “urxente necesidade”. De continuar a tendencia actual que amosan ano a ano as cifras do Instituto Galego de Estatística (IGE), Lugo e Ourense estarían totalmente despoboadas en 140 anos. Esta preocupación faise patente na Deputación provincial, que sinalaba datos coma estes na carta que o presidente deste organismo, Jose Ramón Gómez Besteiro, dirixiu ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias –FEGAMP–, José Manuel Rey, para que se leve adiante un grupo de traballo permanente no seo desta organización de municipios no que estean presentes todos os grupos e representantes políticos e os responsables municipais. A súa misión sería a de desenvolver proxectos contra a “hemorraxia poboacional” en Galicia.

A provincia de Lugo debe enfrontar o grave problema do despoboamento para mirar ao futuro. Arquivo EC.

ÁREAS AFECTADAS

No 2021 a nosa comunidade contará con 90.000 habitantes menos se nada o impide, e esta perda de poboación afectará principalmente ás provincias de Lugo e Ourense, que terán un descenso dun 7,5% e 7% en cada caso. Os peores augurios fan vislumbrar ademais que o desequilibrio poboacional a favor das provincias costeiras se fará especialmente patente nalgunhas áreas concretas, como a parte oriental da provincia de Lugo; pola súa parte, A Fonsagrada, os Ancares e Sarria terán unha poboación sumamente envellecida na que os maiores de 65 anos cuadruplicarán aos menores de vinte.

DATOS E IDEAS CONTRA O ENVELLECEMENTO POBOACIONAL

O drama do despoboamento só se pode atallar tomando medidas para fixar poboación, e a Deputación de Lugo ven alertando desta necesidade dende hai algún tempo. Nos pasados días presentábase en Lugo o libro Lugo Reacciona, que recolle unha serie de datos e ideas que poderían converterse no eixo central das políticas a desenvolver polas diferentes administracións no caso de querer tomar cartas sobre o asunto. Nesta publicación, diversos expertos achegan os seus estudos demográficos.

Presentación do libro ‘Lugo Reacciona’ con propostas de futuro contra o despoboamento. GDP

E é que o despoboamento custa cartos, e por isto tamén a Deputación anunciaba nos pasados días que esta publicación “será a folla de ruta que marcará a elaboración do orzamento do organismo provincial para o ano 2013”. Por outra banda, o libro, no que se recollen necesidades que parecen tan obvias coma a potenciación dos recursos endóxenos, o ordenamento da propiedade da terra, a promoción do sector agrario ou o emprego a través dos servizos sociais, será remitido aos grupos parlamentarios e á Xunta de Galicia. Asimesmo, Gómez Besteiro criticaba novamente nos pasados días a ausencia de representantes do goberno autonómico tanto na presentación deste estudo e posterior debate coma no foro Lugo Reacciona, que se organizara o pasado ano para analizar este mesmo asunto.

ESTRATEXIAS DE FONDO CONTRA O DESPOBOAMENTO

Semellan obviedades, pero a sociedade e as administracións parecen darlle as costas a esta situación. Os expertos que elaboraron este manual contra o despoboamento sinalan a concienciación cidadá como un dos primeiros pasos a dar. Por outra banda, reclámase o mantemento dos centros de decisión das empresas na nosa terra, unha tendencia que está a converter a nosa economía nunha economía subordinada, tal e como se está a manifestar continuamente coas empresas do sector leiteiro.

MODIFICACIÓN DA LEI DE SUCESIÓNS

Herdar as explotacións ou as pequenas empresas familiares é, moitas veces, unha complicación que provoca o cese de moitas actividades, feito que se podería atallar a través da modificación da Lei de Sucesións. Pequenas reformas estruturais no sistema de herdanzas facilitarían ademáis, segundo os expertos que elaboraron este estudo, que o minifundismo siga a impedir o pleno desenvolvemento de moitas explotacións agrarias que non son o suficientemente competitivas por mor das súas dimensións.

FOMENTO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS, DO TRANSPORTE PÚBLICO E DOS SERVIZOS SOCIAIS

Cambios económicos e fomento do emprego no rural tamén axudan a fixar poboación a través de detalles claves como a aposta pola calidade dos produtos galegos ou a produción ecolóxica na que o rural galego ten enormes posibilidades, estratexias que as administracións poden empurrar coas súas políticas. Pero para isto son precisos investimentos en dotación de servizos como o acceso ás novas tecnoloxías, que non chega a todas partes, o mantemento do transporte público nas áreas en declive, que axuda a fomentar a migración de xubilados, e a proliferación de “neorurais” que atopan unha nova vida e posibilidades nestas áreas. A creación doutros servizos como residencias e centros de día contribúe coa dobre vertente social e de creación de emprego nos municipios que perden poboación.

COOPERACIÓN INTERMUNICIPAL E POTENCIACIÓN DAS CABECEIRAS DE COMARCA

No ámbito puramente administrativo, algúns expertos en demografía apostan pola non fusión de municipios -un debate crecente en tempos de crise-, ao tempo que avogan pola cooperación interadministrativa e a potenciación das cabeceiras de comarca como polos de crecemento que contribúen a fixar poboación. Este ‘Debate con propostas de futuro contra o despoboamento demográfico’ en forma de publicación, á que se pode acceder a través da web da Deputación de Lugo, está elaborado por unha serie de expertos galegos na materia. Trátase de Xosé Gabriel Vázquez Fernández, doutor en Socioloxía, José Manuel Colmenero Álvarez, delegado do Instituto Nacional de Estatística de Lugo, Andrés Precedo Ledo, catedrático de Xeografía Humana da USC, Francisco Sineiro, profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo, Melchor Fernández, director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC, Roberto Lorenzana, tamén profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo, e Vicente González Radío, doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía.

O COOPERATIVISMO, EXEMPLO EN CHANTADA

A fórmula do cooperativismo é outra das liñas de impulso á actividade económica nas áreas deprimidas, fundamentalmente no eido agrario, pero aplicable a moitos outros sectores económicos. Previamente á presentación do libro Lugo Reacciona, e en relación ao tema da demografía, tivo lugar na capital provincial unha xornada sobre cooperativismo na que, entre outros, participou o presidente da cooperativa ICOS de Chantada, Javier Taboada. O directivo da sociedade agrogandeira expuxo que as cooperativas contribúen a frear o despoboamento grazas a factores como a fixación de emprego cualificado na especialidade agraria. Por outra banda, Taboada considera que as cooperativas son un estímulo permanente para o mantemento da actividade agraria, pero tamén para a incorporación de mozos. Asimesmo, o papel das cooperativas “dignifica a profesión, mellora os rendementos e os ingresos e aproveita as axudas dispoñibles das diferentes administracións”. Ademais, Taboado suliñou que a organización a través de cooperativas agrarias, tamén axudaría a facilitar unha especie de clúster relacionado coa agrogandeiría, xerando tecido produtivo.

PÉRDIDA CONTINUADA DE POBOACIÓN NA ZONA SUR

Restando o municipio de Sarria, o único que veu gañando poboación dende o ano 2000 deica o 2010, os municipios da Ribeira Sacra veñen experimentando unha perda continuada nos últimos doce anos, menos acusada en porcentaxe en municipios cabeceira como Monforte de Lemos –que tamén perde, en torno a un 1%-, e fundamentalmente marcada noutros como A Pobra do Brollón, Ribas do Sil, Bóveda, Sober e Pantón, que perderon un 20% dos seus habitantes na década dende o ano 2000 ata o 2010. Outros municipios como Quiroga e O Saviñao están preto do 15%, segundo se expón un gráfico contido neste estudo, mentres que Chantada perdería arredor do 9% dos seus habitantes nesa década. Lembrando a disertación de Francisco Sineiro sobre o asunto nos pasados días, esta tendencia demográfica atopa a súa explicación nunha “herdanza do pasado” que se sostén no éxodo masivo e a emigración, e a un “resultado do presente”, que se explica no nivel de renda e calidade de vida do rural, unido ás escasas posibilidades de emprego actuais. En todo caso, Sineiro conclúe que a caída demográfica “ por si soa non se vai deter”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Recta final para a XXX Feira do Viño de Chantada e a IV Feira de Oportunidades do Comercio local

Seguinte Nova

Resultados desiguais para as categorías da S.D.Chantada

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: