A Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico – Eixoecoloxía – iniciou a colaboración co concello de Monforte para actualizar o plan de acción da Axenda 21 Local e realizar o seu seguimento. A finalidade desta colaboración é actualizar as accións recollidas na Axenda 21, tras unha análise técnica das mesmas, e baseándose na eficiencia e a optimización dos recursos municipais. Preténdese así alcanzar os obxectivos marcados nas áreas de xestión enerxética e de residuos e introducir criterios de sustentabilidade dende o punto de vista ambiental, económico e social, na planificación territorial do municipio.
Monforte iniciou o traballo da Axenda 21 no ano 2003, e en anos sucesivos elaborouse un plan de acción da Axenda 21 para Monforte que foi rematado no ano 2007. Dende esa data e ata a actualidade, o Concello realizou varias intervencións como o acondicionamento de espazos verdes, a accesibilidade, as campañas de reciclaxe, ou a mellora das redes de saneamento. Entre estas actuación citan o acondicionamento da ladeira do monte de San Vicente, a mellora da accesibilidade ó casco histórico, a creación de zonas verdes como o parque da Florida, ou a renovación dos colectores de saneamento nas rúas Ourense e Chantada. O Concello retoma agora o plan de acción da Axenda centrado en obxectivos baseados na eficiencia e o aforro enerxético propoñendo accións baseadas en necesidades reais e medidas a través de marcadores.