O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, reuniuse con representantes da Confederación Galega de Asociacións de Veciños, aos que trasladou o ofrecemento da Xunta para organizar cursos dirixidos ao persoal directivo do movemento asociativo veciñal. Segundo informou Rueda, estes cursos de formación para directivos das asociacións veciñais impartiríanse dende a Escola Galega de Administración Pública, respondendo así a unha demanda reiterada do movemento veciñal.
O principal obxectivo desta actividade sería ofrecer formación que inclúa distintos aspectos relacionados coa xestión dunha asociación de veciños, como normativa, organización, xestión económica ou planificación de actividades. Ademais, Rueda explicou que a Xunta renovará as liñas de colaboración económica co obxectivo de fomentar o asociacionismo veciñal. Asimesmo, destacou o traballo destas entidades para recoller as queixas e suxestións dos cidadáns e facelas chegar ás administracións.