Presentado aos alcaldes lucenses o Plan Galicia Saudable

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, reuniuse cos alcaldes e representantes municipais da provincia de Lugo para presentarlles o Plan Galicia Saudable, unha acción encamiñada a gañar apoios á Declaración de Galicia Saudable que promove o Goberno galego e que se presentará publicamente o vindeiro mes de abril.

OBXECTIVOS DO PLAN: “UN PAÍS MÁIS ACTIVO E SAN”

Durante a presentación do Plan Galicia Saudable, no que participou a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e os responsables municipais de Bóveda, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, Quiroga, Ribas de Sil, Sarria e Sober, Lete Lasa fixo un chamamento aos responsables locais para adherirse ao dito Plan e, deste xeito, contribuír ao obxectivo de lograr un país máis activo e san. O secretario xeral para o Deporte destacou que o fin último deste proxecto é estender a práctica deportiva entre a poboación galega e concienciar á sociedade dos seus beneficios para a saúde.

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, asiste ao encontro do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, cos responsables municipais da provincia de Lugo. GPXG.

FÓRMULA TRANSVERSAL QUE IMPLICA VARIAS ÁREAS MUNICIPAIS

Ademais da importancia e dos obxectivos do Plan, o secretario xeral para o Deporte, explicoulles aos representantes municipais o estado actual do mesmo e as fórmulas previstas para a participación dos concellos e agrupacións municipais de Galicia, que se fará a través da Rede Galega de Unidades de Promoción do Exercicio Saudable. Así, o obxectivo da Xunta é artellar un proceso o máis transversal e completo posible, polo que salientou o interese de implicar a todos os concelleiros e técnicos dos diversos departamentos municipais relacionados co eido de actuación do Plan Galicia Saudable: deportes, educación, sanidade, transportes, urbanismo, turismo, medio ambiente, servizos sociais, etc.

RECOMENDACIÓNS DAS ORGANIZACIÓNS MUNDIAIS DA SAÚDE

Segundo explicou Lete Lasa, o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable é a resposta unitaria do Goberno galego para loitar contra o sedentarismo e as enfermidades asociadas ao mesmo, a través dunha aposta por promover cambios no estilo de vida da sociedade galega e impulsar a práctica da actividade física. O Parlamento galego deulle o pasado mes de decembro o visto e prace a este plan, que recolle as liñas e recomendacións das principais organizacións mundiais relacionadas coa saúde, que chaman a atención sobre a necesidade de poñer en marcha medidas que interveñan sobre o contorno e os estilos de vida, desde unha perspectiva intersectorial que transcenda o meramente sanitario e que conte coa participación de diferentes actores sociais con capacidade de influír sobre as causas destas enfermidades. O secretario xeral para o Deporte explicou aos representantes municipais que o Plan non só quere promover cambios, senón tamén asegurar que eses cambios se consoliden e sexan sustentables, de aí a importancia de traballar de xeito coordinado con outros ámbitos da administración.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Ata o 23 de marzo poderán solicitarse as axudas provinciais para actividades culturais

Seguinte Nova

Recta final para a XXX Feira do Viño de Chantada e a IV Feira de Oportunidades do Comercio local

Últimas noticias sobre DEPORTES

A %d blogueros les gusta esto: