Arrancan en Chantada as actividades técnicas relacionadas coa trixésima edición da Feira, na que participarán 13 adegas da subzona durante tres días cheos de festa
A asociación Quinto Chote ultima os preparativos para a cita do ano en Chantada. Os vindeiros 9, 10 e 11 de marzo celebrarase a trixésima edición da Feira do Viño de Chantada cun esquema que responde ao dos últimos dous anos.
13 ADEGAS E CATAS COMENTADAS
Os milleiros de asistentes que se agardan poderán probar o caldo de 13 adegas, as mesmas que participaron na pasada edición, pero para os que queiran adiantarse e desexen catalo dun xeito máis profesional dende este mércores 29 xa están a celebrarse catas comentadas por un enólogo en diversos establecementos da vila. A crise está a marcar o acontecer xeral, e non pasa de largo por este gran evento, que desta volta contará con 40.000 euros de presuposto, o que obriga a recortar en todas as partidas e a prescindir de cousas coma o alumeado e reducir a publicidade, tirando máis da axuda altruísta dos veciños no desenvolvemento da organización, tal e como explica Xosé Manuel Ledo, quen engade que habitualmente o presuposto para a Feira rondaba os 60.000 euros.
ACTIVIDADES TÉCNICAS
Sen embargo, o programa non se verá mermado con respecto ás anteriores edicións, e terán continuidade as xornadas técnicas introducidas hai dous anos e que cumpren o obxectivo de completar o evento imprimíndolle un carácter máis profesional, “que era o pé que lle faltaba a esta Feira”, apuntou Ledo, quen o considera unha parte moi importante que consegue consolidar definitivamente a Feira do Viño de Chantada. Neste senso, celebraránse dúas conferencias. Unha delas versará sobre os ‘Tratamentos alternativos para o viño’ a cargo de Bernardo Estévez e terá lugar o mércores 7 no Telecentro; a segunda será sobre ‘Conservación de bullos’ e estará impartida por Ignacio Orriols o día 8 no mesmo lugar.
CATA OFICIAL
Este ano tamén se manterá o premio da Cata Oficial que se celebra durante a Feira, pero non se dará a coñecer ata a semana seguinte. Por outra banda, a decisión de conceder o premio na cata fará que as adegas premiadas o pasado ano conten para esta ocasión cun etiquetado no que aparece recollido ese recoñecemento.
TRES DÍAS DE FESTA CONTINUADA
A troula comezará o venres coa gravación dun programa televisivo, A Solaina, de 17.30 a 19.30 horas con actuacións dos grupos da Escola de Música de Chantada. Xa pola noite terán lugar as actuacións das orquestras Suavecito e Aramio. O sábado, diversos grupos e charangas alegrarán a carpa da Praza de Galicia a partir das 10.00 horas, pola tarde terá lugar a actuación da banda de Música de Chantada e xa pola noite a verbena contará coas orquestras Compostela e América.
NEIRA VILAS LERÁ O PREGÓN
O domingo volverá ser un día grande que amencerá con pasarrúas, a cata oficial na Casa da Música, e o pregón a cargo do ilustre escritor Xosé Neira Vilas ás 13.30 horas. Xa pola tarde actuarán as orquestras Trébol e Superfama para dar remate á cita que dende hai 30 anos nos reúne cos viños chantadinos.
IV EDICIÓN DA FEIRA DE OPORTUNIDADES: CALIDADE A BO PRECIO, E TAMÉN ARTESANÍA LOCAL
Uns 15 establecementos comerciais da vila de Chantada participarán este ano na cuarta edición da Feira de Oportunidades, coincidinte coa celebración da Feira do Viño.
BOAS EXPECTATIVAS
O evento, organizado pola Asociación de Comerciantes e Empresarios de Chantada (AECH), foi todo un éxito nas anteriores edicións e serao máis se cabe nun ano de crise no que os consumidores buscan bos prezos e verdadeiras “oportunidades” e os comerciantes queren dar saída aos stocks sobrantes dunha tempada na que se viron afectados pola caída das ventas. As perspectivas son boas, segundo valoran dende o CCA de Chantada, polos anteriores motivos e porque “o comercio local está desexoso de darlle saída á mercadoría da tempada para capitalizarse e introducir a nova”. Na Feira de Oportunidades, emprazada no lugar de costume, unha carpa na rúa Xoán XXIII, os asistentes poderán atopar fundamentalmente calzado e textil, pero tamén establecementos locais relacionados coas novas tecnoloxías, produtos para os bebés, bisutería e óptica. A organización deste evento leva consigo un esforzo económico e fundamentalmente de traballo, tal e como recoñece José Manuel Lage, presidente da AECH, quen sen embargo ten moi claro que se ve compensado pola alta participación tanto do público coma dos asociados polas posibilidades de venta que se abren ao facelo coincidir coa feira do viño, o que sen dúbida parece ser o gran acerto.
PRODUTOS DA COMARCA E ARTESANÍA
Hai tres anos o CCA daba entrada na Feira de Oportunidades a un espazo para a exposición e venda de produtos elaborados por xente da comarca en diversos sectores, pero fundamentalmente o de forma artesanal e relacionados coa alimentación. Este ano, os participantes en anteriores edicións tamén quixeron estar presentes, facendo que a Feira de Oportunidades se convirta novamente nun lugar onde palpar e mercar cousas moi diversas. Asociacións coma a do Camiño de Inverno, unha protectora de animais ou un grupo de estudantes que colaboran con Save de Children tamén contarán co seu espazo na carpa das oportunidades.