Profesionais dos 300 establecementos da comarca de Sarria reúnense anualmente na vila nunha gran cita
• O da hostaleiría segue a ser un sector puxante na comarca de Sarria grazas fundamentalmente ao tirón que supuxo na zona a posta en valor do Camiño Francés. Iso é algo que non se lles escapa aos empresarios do sector reunidos este luns 27 de febreiro na gala anual da hostaleiría de Sarria. A festa, que se prolongaría ata altas horas da madrugada, reuniu a empresarios e empregados de restaurantes, hoteis e establecementos de turismo rural de toda a comarca no Hotel Carrís Alfonso IX para desfrutar dun cóctel, cea e baile que este ano estiveron organizados polo hotel-restaurante Roma de Sarria, o restaurante A Veiga de Samos e a pastelería Maceda de Láncara. José Manuel Fontal Vázquez, propietario do restaurante Roma e un dos responsables desta decimocuarta gala, explica que esta xuntanza quere asentar a unión existente dentro dos profesionais do sector en Sarria e serve como evento festivo que senta as bases para novas actividades conxuntas. Fontal destaca a importancia desta unión na organización de varios eventos ao longo do ano, e pón como exemplo a Xornada do Porco Celta, na que participan varios establecementos.
A pesares de non contar cunha asociación como tal, as actividades conxuntas conseguen levarse a cabo nun territorio no que tan só o municipio de Sarria conta con 200 establecementos, aos que se lle suma outro centenar no resto da comarca. Por isto, nesta gala xuntáronse case trescentas persoas que desfrutaron da velada ao tempo que puideron intercambiar impresións no eido profesional. Fontal recoñece que a crise se deixa sentir dalgunha maneira na hostaleiría de Sarria, sobre todo por mor da caída da actividade diaria producida polo parón da construcción, sen embargo recoñece que a comarca segue a ser unha das de gran peso dentro deste sector na nosa comunidade.