59 proxectos dentro do GDR Ribeira Sacra

As iniciativas aprobadas ata agora dentro dos fondos Leader permitirán investir 5,4 millóns

A modernización e creación de pequenas empresas e o arranxo de espazos veciñais centran os últimos proxectos aprobados polo Grupo de Deseenvolvemento Rural 8 que xestiona os fondos Leader para a Ribeira Sacra. O pasado 5 de marzo a xunta directiva do GDR daba o visto bo a un novo grupo de actividades que suman un investimento de 298.800 euros, dos que 130.261 virán precisamente das axudas do Leader, o que representa no seu conxunto un 43,59% de subvención no investimento total.

O museo xeolóxico de Quiroga recibiu un importante investimento do GDR. Arquivo GDR

PROXECTOS NO SAVIÑAO, MONFORTE, BROLLÓN E PANTÓN

Destes cinco, o que máis axuda levará é a ampliación do negocio hostaleiro Casa Felisa situado en Marcelle -Monforte para convertelo en restaurante rural que permitirá a creación de 2,5 novos postos de traballo e o mantemento doutros dous. O investimento total será de 195.290 euros e a aportación pública de 75.889. No concello de Pantón a carpitería de madeira Carlos Fernández Coya recibirá unha axuda de 7.464 euros que se incluirán no investimento total -21.800 euros- que este empresario realizará de cara á modernización tecnolóxica e o mantemento de cinco empregos. Outro dos investimentos privados será o que permitirá a creación dunha empresa de traduccións en O Saviñao. Transyanu SL crearase cun invetimento de 16.000 euros dos que 6.000 procederán dos fondos Leader.

ASOCIACIÓNS VECIÑAIS

No que se refire a proxectos comúns, as asociacións de veciños teñen un papel importante no acceso ás subvencións do GDR. Así, desta volta, a asociación de veciños San Martiño de Vilelos recibirá 30.000 euros para rehabilitar a antiga escola e destinala a centro sociocultural. O investimento total é de 47.200 euros, polo que a parte subvecionada é o 65,5%. Por outra banda, os veciños da Estación -Brollón- poderán tamén desfrutar dunha pista polideportiva ao aire libre ao carón do seu local social, a través dunha subvención solicitada pola asociación de veciños e que acadará un 59% do investimento total de 18.420 euros, polo que a asociación achegará 7552 euros.

A reunión da directiva, presidida polo alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, serviu tamén para pór sobre a mesa os datos do programa Leader e os investimentos realizados deica o momento. O director xerente do GDR 8, Martín Alemparte, explicou que Ribeira Sacra ten comprometido xa o 87,47% da anualidade 2012, en concreto 700.429,89 euros de 800.753,87 dispoñibles. Por outra banda, engadiu que xa ten comprometidos o 10,01 % dos fondos da anualidade 2013 -79.417,27 euros de 793.377,96 dispoñibles-. As dúas anualidades anteriores responden tamén a unha tónica de bo ritmo dentro da conxuntura actual de paralización de investimentos. O 2010 finalizouse cunha execución do 82,81%, 639.748,16 euros, e o 2011 foi aínda mellor, cunha execución do 99,50%, 700.429,89 euros.

5,4 MILLÓNS DE INVESTIMENTO DEICA O MOMENTO

Trala aprobación deste último grupo de expedientes en marzo son un total de 59 os proxectos que van adiante, xa aprobados, na última edición do programa. En total foron presentados 99 expedientes, dos que 13 están tramitados, 16 en arquivo en 11 fase estudo. O total dos proxectos aprobados ate o momento (59), supón un investimento total de case 5,4 millóns de euros, e que contarán cun importe de subvención de case 2,3. Ate o de agora estes proxectos suporán a creación de 38,75 postos de traballo e a consolidación de 82 directos.

TANTOS PROXECTOS PRODUTIVOS COMA NON PRODUTIVOS

Son 29 os proxectos produtivos aprobados ate o momento, o que representan un investimento total de 4,45 millóns de euros dos cales 1, 67 son fondos Leader e 2,78 millóns proveñen da iniciativa privada ou dos propios promotores. Por outro lado son 30 os proxectos non produtivos aprobados ate o momento, o que representa un investimento total de 923.662,12 euros, dos cales 547.831,06 euros son fondos Leader e 375.831,06 € son fondos “privados” ou das propias administracións. O concello de Quiroga é con moito o que máis investimento realiza e máis subveción recibe (1,4 millóns de investimento total) coa aprobación de 14 expedientes, en segundo lugar estarían os municipios de Monforte (1,3 millóns) e Ribas do Sil (355.571 euros), nos que existen en cada caso unha decea de proxectos aprobados deica o momento.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Chemineas mal limpas son a causa da meirande parte das intervencións dos bombeiros

Seguinte Nova

O filme «Vilamor», no IES Lama das Quendas

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: